martes, 31 de enero de 2012

Nota aclaratoria


     O conxunto de xornalistas, filósofos, académicos da lingua e paiasos que realizan as crónicas neste blog anunciamos de maneira provisional a suspensión das mesmas.

     Os motivos son claros. A finalidade única destas “parodias futbolísticas” era entreter e tratar con humor os encontros que o San Lorenzo disputaba na Liga da Costa, para informar sobre estes partidos xa existen medios como xornais ou portais web que narran dunha maneira seria o que sucede nestes choques. Pero chega un punto no que a situación tan difícil que o San Lorenzo está a atravesar en tódolos sentidos fai moi complicado buscarlle o punto humorístico ó que sucede sobre o terreo de xogo e fora del. Polo tanto, por respecto a xogadores, directivos e afeccionados do San Lorenzo de Verdillo que son os que peor o pasan nestes momentos de dificultade e para evitar posibles malentendidos, creemos que non ten sentido seguir cunhas crónicas que como se dixo anteriormente non buscaban rigor senón simplemente diversión en todos aqueles que as leran. Por iso e á espera de que a situación mellore anúnciase este “cese temporal de convivencia”. Agradecendo que sempre se tomaran co sentido do humor esixido as parodias aquí realizadas.
                                                                                       
                                                                                     Un saúdo. Pedreirín

     Posdata: Indicar que o cambio de adestrador no San Lorenzo é un motivo máis que axuda a tomar esta decisión e que fala do complicado da situación, pero para nada é “O MOTIVO”, quérese dicir con isto, que estas crónicas ían poder ser feitas de igual maneira a partir de agora xa que os que as realizan non se sentaban no banco dos xogadores dirixindo o equipo durante os encontros.

lunes, 23 de enero de 2012

San Lorenzo - Dumbría B


     A 19ªxornada da misericordiosa e procesionaria Liga da Costa supuxo un duro golpe na aspiración do San Lorenzo de Verdillo de escapar dos postos baixos da clasificación nos que agora se atopa. A pesar de que os rapaces verdilleses mereceron máis no encontro que os enfrontou ó Dumbría B, o resultado final de 0-1 fai que o equipo dirixido polo “xeneral” Chema Eirís teña que afrontar a semana que ven no pobo costeiro de Zas un partido que pode ser chave na súa loita por evitar as posicións de descenso que polo que parece van a ser 3 ó final desta campaña. 
 
     O filial do Dumbría chegou a Verdillo nun precioso e limpo autobús polas extensas autovías de 5 carrís, cheas de peaxes e de radares fixos que se fan necesarias cando os partidos que se disputan no campo de Verdillo son de enorme envergadura. O certo é que nesta ocasión semellante mostra de poderío non era necesario xa que a afluencia de público ó campo das Pedreiras non era como para saturar ningunha estrada. Ademáis, podemos destacar que ante a xuventude que ambos equipos presentaban na maioría dos seus xogadores as gradas enchéronse de nais e pais protectores que lle protestaban ó colexiado por accións incomprensibles para calquera afeccionado imparcial, pero xa se sabe que o amor paternofilial supera en moitas ocasións á sensatez futbolística. Ante esta evidencia a pregunta sería clara ¿como defenderá o pai de Pepe, o vehemente xogador do Real Madrid, as súas accións indiscriminadas?, pero este é un tema que se escapa do que sucedeu nas Pedreiras na tarde do domingo.

     E o que se puido ver no campo de Verdillo foi un San Lorenzo moi enchufado nunha primeira parte que quizáis foi a mellor realizada en toda a temporada por parte dos locais no seu terreo de xogo no que vai de Liga. Os locais rasearon o balón como nunca antes se vira esta campaña nas Pedreiras e demostraron que xogar ó fútbol tamén é posible nun campo no que moitos equipos renuncian a intentar combinar para dedicarse a xogar en largo esperando resultado a través do fútbol directo. Faltou nesta primeira metade dos vermellos o máis importante no xogo do fútbol, o gol, e é que o San Lorenzo non puido acertar con ningunha das súas ocasións nestes primeiros 45 minutos de partido e isto á postre pagaríao con dureza no marcador. Xa o di un famoso proverbio chino “Hai tres cousas que nunca volven atrás: a palabra pronunciada, a frecha lanzada e a oportunidade perdida”.

     Destacable foi tamén que a xuventude dos xogadores do Dumbría facía posible que case todos eles contemplasen como ensimismados os numerosos despexes de cabeza que realizou neste encontro o inmortal “Capitán Águila” Puñal. Moitas veces viran estes despexes os xogadores dumbrieses pola televisión na súa adolescencia, soñando con estar alí, con el, no terreo de xogo algún día, pero contemplar en directo a beleza do seu xiro de pescozo, a coordinación perfecta do seus violentos cabezazos ou o tremor da súa cara nestas accións e algo inenarrable segundo eles mesmos declararon ó final do encontro. Todos estes xogadores viviron un momento místico, un momento que segundo conta a historia cristiá designa un tipo de experiencia moi difícil de alcanzar na que se chega ó grao máximo de unión da alma humana co mesmísimo Deus, no que se acaba convertendo nunha experiencia inefable para todos eles, é dicir, algo que non se pode explicar con palabras porque a perfección que atesora non sería entendible para unha psicoloxía humana. Só uns poucos elixidos ó longo da historia son os que chegan a sentir esta sensación, sensación que “Capitán Águila” Puñal provoca cada dous por tres entre os seus rivais en cada partido que disputa.

     Volvendo ó fútbol, moi igualada foi a segunda metade do encontro en Verdillo con constantes alternativas no xogo, pero foi o Dumbría B o equipo que se adiantou no marcador no minuto 20 deste período e o que non deixou escapar esta renda ata o final do choque, todo isto a pesar de que o San Lorenzo acabou encerrando ó rival na súa área nos últimos minutos de encontro. A mellor ocasión neste arreón final dos de Verdillo tívoa “Tiramillas” Carlos que enviou un balón ó longueiro case no desconto cando o partido agonizaba.

     Así pois, nesta xornada foi unha inxusta derrota a que sufriu o San Lorenzo pero as sensacións sen embargo son moito mellores para os rapaces verdilleses nestes últimos partidos que están a disputar.