lunes, 26 de diciembre de 2011

"Brigadas" Javi Pensado: "Estamos preparados para saír do descenso"

Falamos nesta ocasión con "Brigadas" Javi Pensado, extremo do San Lorenzo e ó que lle agradecemos todas as facilidades e o humor co que se empregou nesta entrevista.


-Bos días. Antes de nada queremos interesarnos pola súa saúde xa que non puido entrar nos plans do “xeneral” Chema Eirís nos últimos encontros. ¿Que lle ocorre e en canto tempo espera volver ós terreos de xogo?

Boas, sobre a miña lesión teño unha dor no abductor da perna dereita e na ingle, que me impide xogar, e estou a ser tratado polos mellores masaxistas deste país para recuperarme canto antes e poder estar de volta para principios do 2012, e comezar o ano con bo pé, xa que ó principio da tempada entre o traballo e a lesión de rodilla xa puiden participar pouco, e cando estaba empezando a xogar veume este novo problema.

-Este parón de Nadal chega nun momento clasificatorio duro para o San Lorenzo. ¿Ve o equipo preparado para saír desta situación?  

Sí, estamos preparados para saír desta situación, e segurísimo que saliremos de ela, agora ven o parón que nos ven ben para desconectar e voltar con forzas renovadas. 


-Científicos alemáns descubriron que nos xens de moitos futbolistas existe unha estrana alteración que bautizaron como “nonlledoudecabezaquemodoemoititis” que impide que os xogadores loiten balóns de cabeza, ¿cree que vostede pode sufrir esta alteración xenética no seu ADN?¿En caso de que a sufra é posible que se lle estea curando xa que o seu único gol esta temporada foi de cabeza? 

Sí, está claro que eu a sufro xa que cando lle dou algunha vez de cabeza ó balón ó pasar un tempo venme a dor, e por iso intento darlle o menor número de veces posibles, e sobre se a estou curando pode ser aínda que non sea de todo certo, xa que é crónico, pero cos adestramentos físicos e mentais do noso adestrador parece que se me está fortalecendo o cráneo e así poderei darlle un maior número de veces, ata chegar a marcar o meu primeiro e único gol con ela, gol que lle dediquei ó adestrador pola súa insistencia en que aprenda a darlle ben de cabeza. 

-O seu traballo no verán como brigadista impediulle realizar parte da pretemporada programada polo adestrador verdillés que segundo contan os xogadores foi moi dura, ¿cree que estes 300 kilómetros de campo a través que non realizou están a influir no seu rendemento deportivo? 

Non creo que estea influindo demasiado que non a realizara, aínda que algo nótase, xa que eu vin cos meus propios ollos que foi moi dura, e seguramente se a realizara estaría moito mellor do que agora mesmo estou, e quizáis sen sufrir tantas lesións. 

-¿Pódenos explicar cal é a estratexia que debemos usar en caso de que un lume se inicie cerca das nosas casas?


Lume extinguido por "Brigadas" Javi Pensado
Hai varias opcións,a primeira chamar ó 080 ou ó 112 para que se acerque rápidamente o persoal cualificado neses casos, e para intentar controlalo e que non se acerque demasiado ás casas mentres non chegan, débese facer una liña de defensa de un metro mínimo de ancho e o largo que sexa necesario, se iso non é suficiente o máis recomendable é correr para un sitio seguro, por iso lle recomendo a todo o mundo que fale co noso adestrador para que lle faga un  adestramento específico por se isto pasa estar preparado físicamente.

-Unha pregunta invade as cabezas de moita xente, ¿De que cor é un camaleón cando se mira a un espello?

Eu creo que depende do cristal no que se mire, pero esa pregunta debería ir para o noso gran capitán, o “Capitán Águila” Puñal, xa que el despois de percorrer todos os recunchos do mundo sabe moito máis, e seguramente sabería contestar esta pregunta.

-É coñecido no ambiente de Verdillo que vostede é un dos xogadores que máis espectadoras aporta nas gradas coa súa presencia .¿Por que cree que a tendencia nos últimos anos fai ver que cada vez a afluencia de xénero feminino ós encontros nas Pedreiras é menor?

(risas), eu acabo de enterarme de esa noticia, pero penso que non baixou para nada a afluencia de mulleres, aínda pode ser que aumentara, xa que cada domingo veñen máis nais xuntarse nas gradas e cotillear sobre as noticias que saen nas revistas máis vendidas do país, o que pode ser é que deixaran de vir algunha que outra rapaza xa que o campo está demasiado enlamado e os tacóns quedánselle clavados e non poden chegar ó graderío, con notable risco a sufrir un esguince.

-¿Por que desvotou a oferta que a marca Levis lle fixo para promocionar as súas bufandas?

Económicamente non me satisfacía e desvoteina, xa que a parte de eso son máis de fulares e Levis non os fabrica.

-Volvendo ó fútbol, son moitos os xóvenes que soñan con compartir vestiario algún día co gran “Capitán Águila” Puñal, ¿cóntenos como de especial é cambiarse no mesmo espacio cerrado que o fai el?

É unha sensación que non sei explicar, pero é moi especial, ver un home como el, que fai o ben polo mundo, telo tan cerca e en paños menores moitas veces, temos moita sorte os xogadores do San Lorenzo por poder xogar con el, e sobre todo compartir vestiario, todos estamos desexando que bote unha das súas habituais ventosidades, inundarnos dese fedor tan característico que expulsa el e que nos deleite coas súas míticas risas. Sen dúbida poder xogar con el e compartir vestiario é o mellor que me puido pasar ao longo da miña carreira deportiva.

-Moitas gracias por querer participar nesta entrevista e que pase unhas felices festas de Nadal. Finalmente deixámoslle unhas liñas para que exprese o que lle apeteza e se despida como merece a súa calidade humana e deportiva.

Moitas gracias a vostede(que me gustaría saber como a todos os do equipo de quen se trata)pola entrevista, feliz Nadal a todos e espero que o ano que ven sexa moito mellor para o San Lorenzo e que saiamos desta situación complicada. Foi un pracer contestar as preguntas, e gracias por este magnífico blog, que siga así, aínda que esperemos que poida facer as crónicas falando de vitorias. Un saúdo.

lunes, 19 de diciembre de 2011

San Lorenzo - Malpica


     “Se atopas un camiño sen obstáculos desconfía. O probable é que non conduza a ningunha parte”, esta sentenza de Constancio C.Vigil, escritor de literatura infantil e empresario uruguaio, representa como poucas a situación dos de Verdillo nunha temporada que parece abocada a unha loita desaforada ata o final da mesma pola permanencia na categoría. E é que San Lorenzo e Malpica citáronse no encontro da 16ª xornada da lerianta e procreadora Liga da Costa, nun encontro no que os locais necesitaban puntuar porque a súa situación clasificatoria así o esixía, pero o Malpica pasou coma un ciclón polo campo de As Pedreiras nunha primeira metade na que sentenciaron o encontro en tres accións a balón parado, golpeando ós de Verdillo precisamente onde son máis fortes e prolongando desta maneira a mala racha que persegue ós “rapaces de vermello”.

     Os dous equipos contaban con numerosas baixas para a disputa desta xornada pre-nadal do campionato, pero foi o Malpica, un dos equipos con máis tradición na costa, o que comezou máis metido no encontro e o que dominou na primeira metade do mesmo. Ten que solucionar o San Lorenzo os problemas iniciais que sempre lles xeneran os equipos rivais que conseguen adiantarse con demasiada frecuencia moi cedo no marcador. Esta vez non foi unha excepción e o Malpica adiantouse con dous goles despois de respectivos saques de esquina e sorprendendo ós locais con perigo en cada acción a balón parado, en algo que hasta o de agora estaba a ser un dos puntos fortes do San Lorenzo na Liga, as xogadas de estratexia. Un terceiro golpe en forma de falta directa á media hora de encontro fixo parecer imposible unha remontada que efectivamente estivo moi lonxe de chegar.

     Comezaron a segunda metade os xogadores locais con máis chispa, pero aínda así este ímpetu non foi suficiente para acercarse nun marcador claramente decantado a prol dos de Malpica. “Capitán Águila” Puñal eterno perigo nas xogadas a balón parado para as defensas rivais, mandou ó ceo dos balóns a mellor ocasión coa que contaron os locais nun remate a boca de xerro na área pequena que non tivo o éxito desexado. Despois, polémica coa expulsión de “Gladiator” Marcos, co que tivo moitos problemas o colexiado para apuntar o seu número xa que, como sempre ocorre co dianteiro, as toneladas de terra e barro que estaban pegados á súa camisola facían imposible diferenciar unha cifra lexible no seu lombo, e polémica tamén coa posible agresión a “Playboy” Jorge Pichel que tivo que saír do terreo de xogo magullado por un golpe recibido na cara.

     Pouco máis, só dicir que unha vez un campesiño tiña unha mula xa vella que un día caeu nun pozo da súa finca. O campesiño ó ver o que sucedía moi apenado decidiu chamar ós seus veciños e contoulles o que estaba pasando, pediulles que lle axudaran a enterrar a mula no pozo para que non continuara sufrindo. Cando comezaron a palexar terra sobre o pozo a mula púxose histérica, pero nese dramático momento unha idea veu á súa mente: ”Debo sacudirme e subir sobre a terra”. Isto fixo a mula unha palexada tras outra. “¡Sacúdete e sube, sacúdete e sube, sacúdete e sube!”, pensaba animándose a sí mesma. Non importaban canto de dolorosos foran os golpes da terra e as pedras sobre o seu lombo, ou o terrible da situación, a mula seguiu loitando contra o seu pánico e continuou con fe inesgotable sacudíndose e subindo. Os homes sorprendidos acabaron comprendendo a estratexia da mula, e iso animounos a seguir palexando. Pouco a pouco conseguiu chegar ata o punto no que puido saír dun brinco das paredes daquel pozo. A terra que ía a enterrala converteuse finalmente na súa salvación, todo pola maneira exemplar en que se enfrontou á adversidade.

     Non deben baixar os brazos os xogadores do San Lorenzo, agora as festas de Nadal marcan un parón que os debe facer reflexionar para comezar a segunda volta do campionato con forzas renovadas loitando contra a adversidade como fixo a mula.

domingo, 11 de diciembre de 2011

Club do Mar - San Lorenzo


     Goliath era un soldado xigante do exército filisteo que medía 2,90 metros de altura e que loitaba cunha espada que pesaba 6,8 kilogramos tendo en conta só a súa folla de ferro, durante corenta días cada mañá e cada atardecer, o temible guerreiro desafiaba a Israel para que presentara un home que loitase contra el nun combate corpo a corpo, o resultado desta loita determinaría que exército chegaría a ser servo do outro. Ningún soldado israelita tiña suficiente valor como para enfrontarse ó xigante, ata que David, un humilde pastor iluminado polo espírito de Deus fixo fronte ó seu reto. O pequeno David cheo de valentía lanzoulle unha pedra coa súa honda ó xigante Goliath que se lle fundiu na fronte e que o fixo ficar morto sobre o terreo. Esta coñecida parábola bíblica era á que os xogadores do San Lorenzo se tiñan que agarrar para manter a fe nas súas posibilidades no encontro da 15ª xornada da sacerdotal e virachaquetas Liga da Costa que ós ía a enfrontar no Municipal de Paiosaco ó Club do Mar de Caión, quizáis o equipo que mellor individualidades presenta en todo o campionato costeiro e que é o gran favorito para levarse o título.

     Os xogadores locais que chegaron ó campo de Paiosaco nos seus coches de marca Audi regalados pola directiva do club caionés, demostraron na primeira metade do encontro o motivo da súa boa situación clasificatoria e conseguiron levar o dominio do xogo e dispoñer das mellores ocasións nestes primeiros 45 minutos. Sen embargo, os dous goles que conseguiron chegarían en accións desafortunadas por parte dos xogadores do San Lorenzo que parecían bastante nerviosos neste encontro diante do potencial ofensivo do Club do Mar. Con este 2-0 chegouse ó descanso do partido e os xogadores de ambos equipos puideron volver a disfrutar das comodidades dos vestiarios do campo de Paiosaco, nos que un jacuzzi, varios cadros de Goya, unha bañeira de augas termais e un xardín botánico cheo de plantas asiáticas buscan facerlle máis sinxelo o descanso ós futbolistas dos dous equipos cando xoga o Club do Mar como local nestas instalacións.
 
      Dispostos a darlle a volta ó marcador saíron deste flagrante vestiario os rapaces verdilleses na segunda metade do encontro, pero como dixo o escritor e bioquímico estadounidense Isaac Asimov, “Negar un feito é o máis fácil do mundo. Moita xente o fai, pero o feito segue sendo un feito”, e absurdo sería negar que o dominio do partido seguiu sendo do conxunto local que se está a mostrar como unha máquina case perfecta nos encontros que disputa no seu terreo de xogo. Así pois, o Club do Mar conseguiría un novo tanto que levaría o definitivo 3-0 ó marcador. Neste segundo acto de encontro o San Lorenzo contou con algunha boa ocasión para estrearse neste partido pero nin o venerado “Capitán Águila” Puñal, nin “Tiramillas” Carlos acertaron coas súas ocasións. Ademáis é de destacar a boa parada de “Peinado loco” Puyol no lanzamento dun penalti nos últimos minutos de encontro co que evitou que o cuarto tanto se elevase no marcador electrónico de alta definición e con acceso a Internet co que conta o equipo local. Pouco despois o partido esmorecería e o helicóptero que levou a unha boa parte dos directivos do Club do Mar ó estadio puidose elevar de novo feliz e levalos a todos ós seus palacios donde celebraron entre chamapagne francés e tapas do máis caro caviar unha nova victoria para o seu proxecto.

     Máis alá do encontro destacable é a diferencia de presupostos entre ambos equipos, a aparente pouca importancia que se lle da no Club do Mar ó feito de perder un balón contrasta coas compulsivas medidas que se toman no clube de Verdillo cando se produce este feito xa que a directiva do San Lorenzo ten preparado un “protocolo de desaparición”, polo cal se un balón non é atopado nas seguintes 24 horas desde a última vez que foi visto inícianse unha serie de redadas polo monte e de visitas ás casas máis cercanas ó campo de fútbol por se alguén se dignara a gardar alí o añorado esférico, en caso de non obter resultado con estas accións, a policía e os bombeiros de Carballo e inclusive algún detective privado son informados e a búsqueda continuaría coa axuda destes profesionais cualificados.

     Non puido ser nesta ocasión a sorpresa, pero a semana que ven no campo de As Pedreiras o San Lorenzo intentará conseguir de novo os 3 puntos ante outro complicado rival, o Malpica.

lunes, 5 de diciembre de 2011

San Lorenzo - Corme


     Nova tarde polémica e emocionante de fútbol a que puido ver todo aquel que se decidira a pasar polo campo de As Pedreiras para presenciar o encontro da 14ªxornada da suorenta e falcatrueira Liga da Costa entre o San Lorenzo de Verdillo e o Corme, un dos equipos máis peculiares do campionato, os seus xogadores que contan cunha gran calidade individual non se destacan precisamente pola súa motivación para adestrar algo que quizáis lles impida chegar a cotas máis altas nesta liga.

     A primeira metade non comezou ben para os xogadores locais, o Corme levou o dominio do encontro e creou as mellores ocasións durante todo este período. Desta maneira foron os visitantes os que se adiantaron no marcador no minuto 20 despois dunha rápida contra que non foron capaces de deter os xogadores do San Lorenzo. Pero os locais non se viñeron abaixo e conseguiron o empate antes do final dos primeiros 45 minutos nunha xogada a balón parado como xa é tradición nos vermellos. Nesta ocasión foi “Gladiator” Marcos quen conseguiu no segundo pao despois dun saque de esquina igualar o duelo, o dianteiro atopábase só na área pequena no momento do remate, quizáis porque os 8 xogadores do Corme que se atopaban na área nese momento estaban embaucados nunha férrea marcaxe sobre o gran “Capitán Águila” Puñal ante o perigo dos seus remates de cabeza xa míticos na costa, porque xa é sabido que como dicía Patrick Süskind, polifacético escritor e guionista alemán, “Unha obsesión pódete levar ó borde da tolemía e guiarte directamente á perdición”.

     Intensísima e polémica foi a segunda metade do encontro. O San Lorenzo conseguiría adiantarse no marcador ós 10 minutos deste período, despois de que un gran centro de “Gladiator” Marcos, fora rematado na área por “Tiramillas” Carlos que chegou con moita forza e en carreira para levar o balón ás redes da portería defendida polo voluminoso porteiro visitante. Uns minutos máis tarde o Corme conseguiría empatar despois dunha boa cabezada tras unha falta lateral e o partido despois dese feito converteuse nunha sucesión de polémicas e leas que fixeron que o xogo se cortara cada unha media de tempo de 15 segundos aproximadamente e que impediu que o marcador se volvera mover ata o final do partido. Ademáis, cabe destacar que o colexiado do encontro necesitou tomar varias pastillas de “Gelocatil” xa que sufría unha gran dor de cabeza ante as numerosas protestas que recibiu por parte de ambos equipos neste tramo final de encontro, tamén foron varios os xogadores de ambos bandos que necesitaron a inxestión de píldoras “Juanola” para poder continuar protestando, xa que eran moitos os “galos” que se comezaban a oír nas voces dos persistentes futbolistas.

     Tamén se produciu outro importante feito neste encontro. “Corazón de León” Adrián, que fixo un gran partido, sufriu un duro golpe que o fixo laiarse de maneira vehemente, como todo o que el fai, sobre o terreo de xogo. Foron varios os xogadores do Corme que se puxeron a rezar de xeonllos sobre o enlamado campo de Verdillo nese momento para que non lles tocara a eles sufrir a posible vinganza do lateral, o ceo comezou a chorar con máis forza nese intre, tamén as nubes que o cubrían volvéronse máis escuras presaxiando unha forte tormenta, pero o rapaz de Verdillo demostrou a súa madureza persoal e tragou toda a furia para centrarse soamente no estrictamente deportivo e a natureza deixou de mandar estas sinais vitais que anticipaban unha desgracia que en outra época sería case inevitable. Moi destacable tamén foi a actuación de “Matalobos” Casillero no centro zaga verdillesa neste encontro, o defensa que tivo a sorte de xogar ó lado de “Capitán Águila” Puñal, demostrou porque é considerado como un dos poucos homes no planeta capaces de aguantar unha loita man a man contra Chuck Norris. Ademáis, conta a lenda que os dianteiros que se enfrontan a el non conseguen conciliar ben o sono durante varios días xa que se espertan en suores fríos e despois de sufrir terribles pesadelas nas que imaxinan que “Matalobos” Casillero os estará observando sentado impasible nas súas habitacións cando esperten, no que se convertía nos seus soños, nunha marcaxe infinita.

     O clube máis rico da categoría, o Club do Mar de Caión será o próximo rival do San Lorenzo, a diferencia de presupostos non será un obstáculo para os humildes rapaces verdilleses que a bo seguro loitarán contra as adversidades e contra os petrodólares para sacar un resultado positivo este vindeiro sábado.