lunes, 28 de noviembre de 2011

Sofán - San Lorenzo


     Chegou na 13ªxornada da trepidante e vangloriada Liga da Costa o día do derbi carballés. Sofán e San Lorenzo atopáronse no campo de O Carral ante un numeroso xentío que ateigou as gradas e disputaron un encontro cargado de tensión tanto no campo como fora del, como sempre sucede neste tipo de enfrontamentos directos, entre dous pobos veciños que disfrutan nunha eterna rivalidade. Cabe destacar que na previa deste encontro as autoridades sanitarias prohibiron a algunhas persoas, a maioría xubilados, acudir ó campo sofanista ante o que foi un encontro declarado pola Federación Galega de Fútbol como “partido de alto risco para débiles de corazón”. Estas baixas foron moi ben tomadas polos propietarios do bar máis cercano ó campo de O Carral que encheu as súas mesas de numerosas partidas de dominó e de tute, aínda que xa se sabe que os xubilados teñen a estrana capacidade de poder estar máis de 8 horas nun bar xogando a partida e consumir soamente un pequeno chupito de caña de herbas, producindo máis desgaste nos asentos do local que beneficios na caixa do mesmo.

     Centrándonos no deportivo, comezaron moito máis metidos no partido os xogadores locais que nos primeiros minutos moveron o balón dunha maneira vistosa e puxeron en moitos apuros ó San Lorenzo que só podía limitarse a deixar pasar o tempo ante esta avalancha inicial de xogo do Sofán. Finalmente no minuto 15, despois dun saque de esquina que foi rexeitado pola defensa do San Lorenzo unha boa volea desde o borde da área adiantou ós locais no marcador dunha maneira merecida. Neste período inicial do encontro “Gladiator” Marcos foi víctima da súa propia vehemencia, o árbitro nesta ocasión foi o peor parado nas súas airadas protestas, os seus berros que firmaría o mesmísimo Plácido Domingo escoitáronse en pleno centro da capital carballesa que se atopa a varios quilómetros de distancia, creando o pánico entre a poboación ante o que parecían os gritos desesperados, que viñan do ceo, dalgún home que profanaba nun idioma inintelixible. 
 
     Pouco a pouco despois do gol local, o equipo do “xeneral” Chema Eirís foise asentando sobre o que parecía un terreo de xogo bastante esvaradizo e o partido foise igualando ós poucos. Os bos síntomas para os rapaces de Verdillo chegaron cando “Capitán Águila” Puñal, como no patio da súa casa no campo de O Carral ante as numerosas visitas que xa realizou a este estadio ó longo da súa dilatada traxectoria costeira, comezou a despexar balóns co seu prominente cráneo de ouro, aínda que estranamente durante este encontro non puido contribuír con perigo en ataque xa que a veterana defensa do Sofán fixo moi difícil a loita polos balóns aéreos e iso notouse no pouco perigo que o San Lorenzo demostrou a balón parado.

     Na segunda metade, o guión do encontro non cambiou en demasía con respecto ó dos últimos minutos do primeiro acto e a igualdade foi a nota predominante entre ambos equipos. O San Lorenzo buscaba desesperadamente un gol que non chegaba a pesar de que contou con algunhas ocasións moi claras e o partido parecía agonizar sen posibilidade de cambio no marcador. Pero case no desconto, todo cambiou. “Catapulta Infernal” Chucho realizou un dos seus habituais saques de banda asasinos e colocou o balón na área pequena do conxunto local, aínda que ante o estreito do terreo de xogo de O Carral practicamente non necesitou nin de torcer a columna no seu habitual escorzo, e alí “Tiramillas”Carlos desatado durante todo os minutos que participou no encontro introduciu de maneira sufrida e con moita fe, o balón na portería do Sofán conseguindo un empate que soubo a gloria nos de Verdillo. O San Lorenzo conseguiu este empate a base de loita encarnizada porque como dixo Luís López de Mesa, escritor e político colombiano, unha vez: “O espírito non só da de sí segundo o que teña, senón tamén segundo o que de el se demande”.

     Con este empate, o partido esmoreceu e os dous equipos veciños non volverán a xuntar os seus camiños ata o encontro que os volva a enfrontar na segunda volta en terreo verdillés. Antes, a vindeira semana o San Lorenzo volverá ó seu feudo de As Pedreiras e alí o Corme será o rival que visite ós rapaces vermellos.

lunes, 21 de noviembre de 2011

San Lorenzo - Camariñas


     Boa tarde de fútbol chea de emoción e intensidade a que se viviu no campo de As Pedreiras no partido correspondente á 12ª xornada da estresante e ruidosa Liga da Costa que enfrontou ó San Lorenzo de Verdillo e ó líder da categoría o Camariñas que conseguiu unha victoria moi sufrida diante duns bravos rapaces verdilleses que loitaron con uñas e dentes contra un duro rival e contra a sorte que parece que esta temporada lles está sendo esquiva ós xogadores do San Lorenzo. A sorte, un factor que ninguén pode controlar como xa dixo Héctor Góngora nunha recordada frase que di “Hasta nas flores existe a diferencia de sorte. Unhas embelecen a vida e outras adornan a morte”.

     Na primeira metade despois dun inicio de partido trepidante e polémico o San Lorenzo conseguiu adiantarse no marcador dunha maneira clásica no conxunto de Verdillo. “Terciopelo” Fuentefría aproveitou un dos poucos momentos da súa vida no que non estaba a ser entrevistado por ninguén para sacar unha falta lateral que foi rematada como non podía ser de outra maneira por “Capitán Águila” Puñal, o seu cabezazo supersónico cheo de veleno foi repelido polo gardameta visitante nunha excelsa estirada, pero para aproveitar o seu rexeite por alí pasaba como vido da nada, sen querer molestar a ninguén, como de puntillas “Brigadas” Javi Pensado que tamén de cabeza conseguiu no rexeite o seu primeiro gol da temporada, enchendo así de ilusión as poboadas gradas de As Pedreiras e facendo pensar a todos os que alí estaban que a sorpresa era posible.

     Pouco durou esta alegría 10 minutos despois do gol local, o Camariñas igualaría o duelo e a partir dese momento o encontro encheuse de tensión e o fútbol converteuse nunha “pequena batalla” sobre terreo verdillés. Neste escenario os xogadores locais pertencentes á escola estoica atoparon o seu escenario perfecto. Os estoicos eran unha estirpe de filósofos da antiga Grecia que defendían que só alcanza a liberdade e felicidade absoluta aquel que é alleo ás comodidades da vida e que vive lonxe de calquera luxo material. Así pois, “Gladiator” Marcos claro discípulo desta escola acabou o encontro vestido cunha camisola diferente á do resto de xogadores presentes sobre o terreo de xogo, a súa loita levouno a encher de terra unha vestimenta que quizáis nunca máis volva a recuperar a súa cor natural e que acabou o partido pesando o dobre do habitual. Tampouco nos podemos esquecer de “Corazón de león” Adrián, na súa salsa disfrutou nesta tensión como disfruta un neno cando proba a súa primeira piruleta, discutiu a pracer, e puido ensalzar con ganas todas as virtudes que o converten nun dos maiores guerreiros da costa.

     No medio de tódalas leas, protestas e lesións varias, moitas ocasións tivo o San Lorenzo para adiantarse de novo no marcador, en especial foi “Capitán Águila” Puñal quen levou moito perigo cos seus cabezazos levados a cabo co seu cráneo de ouro, pero como contamos ó principio desta crónica a sorte foille esquiva ó conxunto do “xeneral” Chema Eirís e nunha contra dos visitantes onde se produciu un claro agarrón sobre o capitán verdillés, o Camariñas logrou un segundo tanto que tocou moito a moral do San Lorenzo que se viu de súpeto por debaixo no marcador dunha maneira inxusta. Nos últimos minutos co conxunto local volcado chegaría o definitivo 1-3 nunha acción na que despois dun bote estrano do balón, o xogador visitante aproveitou para superar por arriba a “Peinado loco” Puyol que non puido facer nada ante esta mostra de calidade individual. O que quedou en evidencia nestes goles do Camariñas foi a rede da portería de As Pedreiras que se viu en ambos remates atravesada polo balón, quizáis danada pola furia que demostran os xogadores do San Lorenzo en cada adestramento. Espérase unha colecta solidaria en Verdillo para axudar cos costes da compra dunha nova rede xa que este sería un gasto excesivo para o axustado presuposto do San Lorenzo, en caso de que o recadado non sexa suficiente quizáis unha pequena incursión nunha noite escura dalgún directivo verdillés en algún porto pesqueiro sexa suficiente para solucionar o problema.

     Agora espera a semana do derbi, o Sofán será o próximo rival dos de Verdillo nun partido que sempre é o máis esperado polos xogadores e afeccións de ambos equipos e no que a bo seguro se vivirán emocións fortes sobre o terreo de xogo.

jueves, 17 de noviembre de 2011

"Terciopelo" Fuentefría: "Inspírome no toque de balón do noso capitán"

Falamos con "Terciopelo" Fuentefría un dos homes máis destacados neste inicio de temporada no conxunto verdillés. 

-O inicio de temporada foi difícil para o San Lorenzo aínda que parece que nas últimas xornadas están a revertir a situación con bos resultados, ¿como pode explicar este principio con tantas dúbidas?

Os primeiros partidos foron moi complicados xa que a pretemporada non é que fose especialmente boa, moitos amistosos...poucas victorias e eso no equipo creou dudas, comezábamos os partidos medio durmidos e eso fixo que os dous primeros encontros de liga os perdesemos xa nos 20 primeiros minutos, a raíz deses dous partidos o equipo cambiou e empezamos a xogar bastante mellor, comezamos a ganar partidos e creo que ahora estamos bastante ben (sacando o partido contra o Baio que foi un desastre)nos outros plantamos cara en case todos e creo que deberíamos ter máis puntos pero quizáis non estamos tendo toda a sorte que se necesita.

-Vostede estase a mostrar esta temporada como un futbolista polivalente pois está a xogar en diferentes posicións, ¿pero donde se sinte máis cómodo sobre o terreo de xogo?

Estou xogando moito na banda, e non me gusta nada. No medio xoguei practicamente toda a vida e estou máis cómodo xogando alí, pero de media punta é o posto onde mellor me atopo.

-A súa camiseta co número 10 é unha das máis vendidas nas tendas do clube,¿que sinte ante este apoio dos e das fans?

(risas)...supoño que será porque o 10 é un número moi bonito e non polo xogador que o está levando.

-Non só eso, cada día que pasa máis adolescentes intentan copiar o seu peinado de fantasía, ¿que xel fixador lles recomenda?

Eu recomendo o xel Wash & go que é o que utilizo eu, e pódese apreciar perfectamente no meu pelo que é moi eficaz para un peinado perfecto pero teño que decir que o xel máis usado no vestuario do San Lorenzo é o H&S for men.

-O terciopelo é un tipo de tela coñecida pola súa elegancia e suavidade, ¿síntese identificado co apodo futboleiro que se lle outorgou neste blog?

O apodo gústame, cando coñeza o autor deste blog pagareille unhas copas polo ben que me trata...así que espero que dea a cara pronto para poderllas pagar ó señor entrevistador.(risas)

      Traxe de terciopelo que non "Terciopelo"

-Os seus lanzamentos de falta son temidos en toda a costa, ¿en que xogador se fixa á hora de realizalos?

Por suposto, no toque de balón do noso capitán, se non fose porque é un cabeceador nato realizaría el todos os saques de falta seguro.

-Intentamos contactar con vostede para realizar esta entrevista o sábado pola mañá pero foinos imposible, ¿pode explicarnos o por que desta situación?

Os venres normalmente son noites moi intensas, nas que paso toda a noite bailando e buscando rapazas para que nos acompañen nas gradas todos os domingos, e os sábados pola mañá necesito reposar para que as resacas non sexan tan duras.

-Está próximo o derbi contra o Sofán, vostede como verdillés de corazón supoñemos que estará moi motivado ante este acontecemento.

Pois sí, son de Verdillo e sigo dende pequeno o equipo e os derbis sempre son algo especial. Espero poder chegar a xogar este partido e que o equipo gañe o derbi porque nos dará moral para o duro calendario que nos queda para acabar a primeira volta.

-O seu debut na selección da costa foi bo segundo narran as crónicas, ¿que se marcaría vostede como obxetivo prioritario, superar con esta selección as internacionalidades de Íker Casillas na selección española de fútbol ou pola contra  coñecer a Sara Carbonero?

Creo que sobra contestar a esta pregunta...obviamente coñecer a Sara Carbonero.

-¿É certo o que se rumorea de que os duros adestramentos do “xeneral” Chema Eirís estano convertendo nun xogador moito máis loitador, ademáis de nun portento físico?

(risas) a verdade e que tras unha dura pretemporada na que os entrenamentos foron excesivamente físicos atópome moi ben e eso axuda moito á hora de loitar polos balóns cousa que é moi importante nesta categoria e especialmente no noso campo, estoume plantexando a participación nalgunha maratón de atletismo para o ano que ven.

-Moitas gracias “Terciopelo”, por último dámoslle a oportunidade de despedirse dunha maneira elegante como é o seu fútbol.

Pois nada, moitas gracias por facerme a entrevista. Solo queria pedir á afección que nos veña animar todos os partidos, especialmente os dous seguintes xa que serán moi difíciles de cara a conseguir puntos pero estou seguro que co seu apoio conseguirémolo.

lunes, 14 de noviembre de 2011

Baio - San Lorenzo


     Pésimo partido o realizado polo San Lorenzo de Verdillo no encontro correspondente á 11ªxornada da brava e teimuda Liga da Costa que se disputou na localidade de Baio ante un equipo local que desplegou un bo fútbol e que foi o xusto merecedor da victoria neste emparellamento.

     Mal comezaron as cousas na previa do encontro para os de Verdillo ante a sorpresiva ausencia do grande “Capitán Águila” Puñal, nesta ocasión non foi un tour solidario o que o fixo caerse da convocatoria senón unha pequena enfermidade. Este feito tira por terra moitas das teorías que se estaban a crear sobre “Capitán Águila”, algunhas delas apuntaban a que a Teoría da Evolución de Charles Darwin estaba a seguir o seu curso e co capitán verdillés unha nova especie máis evolucionada, unha raza superior á do Homo Sapiens Sapiens, acababa de chegar á Terra e acabaría colonizando os catro puntos cardinais da mesma. Outros científicos defendían que con “Capitán Águila” Puñal o mito do superhome do que comezou a falar o filósofo alemán Friedrich Nietzsche tomaba forma. Nietzsche defendía que o home é unha ponte entre o animal e o superhome e que no medio hai un abismo de diferencias, dicía que o superhome chegará cando os homes excepcionais se atrevan a transformar os antigos valores e a crealos novos, o que coincidía plenamente coa traxectoria que estaba a seguir no mundo do fútbol o capitán verdillés, pero esta pequena enfermidade demostra que se é certo que o ser humano evolucionou con el, a mellora da raza debe de ser moi leve pois os virus atacan por igual a ambas especies. 
 
     Se contamos todo isto nesta crónica e para evitarnos en parte falar do pobre espectáculo vivido onte no estadio Platas Reinoso de Baio, o equipo branco e azul foi moi superior ó San Lorenzo nunha primeira metade na que así e todo, o conxunto de Verdillo puido igualar o 1-0 inicial cunha gran ocasión coa que contou “Coberturas” Dubra que enviou ó pao longueiro da coidada portería defendida polo porteiro local, un rexeite que na área pequena pedía a berros por un rematador. Todo puido cambiar con esta ocasión aínda que como di unha das máis famosas leis de Murphy, “A suposición é a nai de tódolos erros”. Pouco despois un segundo gol de bela factura conseguido polo Baio fixo pasar pola mente de todos os xogadores verdilleses, que aínda se lamentaban pola anterior ocasión perdida, outra frase de Antonio Machado, poeta español da “Xeneración do 98”, que quizáis representaba mellor a calidade do momento, Machado dixo unha vez, “soñar non costa nada o que costa é despertar e facer realidade os soños”.

     O final práctico do encontro produciuse ó fío do descanso cando un posible erro arbitral desencadeou a acción que orixinou o terceiro gol para o conxunto local. Este feito desembocou nunha serie de protestas nos xogadores verdilleses que acabaron co gardameta vermello “Kárate Kid” Recarey na ducha antes de tempo. Varios sacerdotes que se encontraban nas gradas do Platas Reinoso de Baio están a rezar actualmente pola alma de “Kárate Kid” Recarey que no medio do seu enfado lanzou unha serie de inxurias cara ó ceo que practicamente non deixaron descansar tranquilo a ningún dos benditos que forman o santoral cristiá. Sen embargo, “Kárate Kid” bo cristiá xa pediu perdón á comunidade liderada polo Papa Benedicto XVI, xa que non era el quen lanzou eses improperios senón que nese momento se sentía como posuído por un ser maligno que o fixo vociferar con tanta forza e rabia. Algún xogador dos presentes no terreo de xogo xa declarou no post-partido que un estrano olor a xofre invadiu o campo nese momento, polo que a versión dada polo gardamallas verdillés cobra unha forza inesperada.

     Na segunda metade, un cuarto tanto redondearía o marcador final deste encontro para esquecer do San Lorenzo. Novas metas se deben marcar os rapaces verdilleses nos próximos encontros, o Camariñas líder da liga visitará as Pedreiras o vindeiro domingo nun partido no que os locais non terán nada que perder.

lunes, 7 de noviembre de 2011

San Lorenzo - O Pindo


     Importante paso o dado polo San Lorenzo na 10ª xornada da pizpireta e enrevesada Liga da Costa despois de que os rapaces comandados polo “xeneral” Chema Eirís conseguisen a victoria no encontro disputado no campo das Pedreiras, que en esta ocasión presentaba un aspecto máis que digno, que ós enfrontou ó equipo do concello de Carnota de O Pindo. O partido foi en liñas xerais cómodo para o equipo local que conseguiu un triunfo por 2-0 con susto xa que a traxedia sobrevoou durante uns minutos o terreo de xogo verdillés, pero antes deste histórico feito ó que se lle dará a importancia que se merece outras xogadas e accións de mérito foron dignas de ser narradas e exaltadas nesta crónica.

     Moi pronto se puxo de cara o partido para os rapaces verdilleses, “Definición” Cachizo resolveu no minuto 10 de encontro con acerto un tiro que cruzou a área e que se colou inapelable ante a mirada impotente do gardamallas visitante que só puido contemplar como o balón topaba con forza contra a magullada rede da portería das Pedreiras, pero o feito verdadeiramente relevante foi a acción que orixinou esta oportunidade de gol que “Definición” non perdoou e que merece un análise a parte pola súa habitual relevancia nos encontros que disputa o San Lorenzo.

     E esa acción non é outra que un saque de banda, un simple saque de banda, unha das xogadas máis despreciadas no mundo do fútbol, que “Catapulta Infernal” Chucho converte nunha arte e nun perigo constante para os equipos rivais ante a violencia coa que o balón sae despedido das súas mans quen sabe se feitas dalgún tecido diferente ás do resto de seres humanos do planeta. O protocolo é sempre o mesmo, “Catapulta Infernal” Chucho achégase con sorprendente calma ó lugar desde onde se vai producir o temido saque de banda, colle o balón con cariño, cun cariño que non parece anunciar o que posteriormente vai suceder, coas dúas mans agarra o esférico e ahí comeza un estrano contoneo que recorda ó dunha serpe cando enfurecida comeza o seu ataque, sen coller ningún tipo de carreira nin nada que se lle pareza e simplemente con este chamativo movemento, de súpeto e como saído do vacío máis absoluto, o balón sae despedido das súas mans a unha velocidade tan estremecedora que está facendo pensar ós dirixentes da Federación Galega de Fútbol en permitir o uso de cascos nos xogadores de ambos equipos cando se produza esta acción ante as numerosas conmocións e mareos que sufren os valentes que se atreven a meter a cabeza no medio destes obuses.

     Entre saque de banda e saque de banda, outras cousas sucederon no encontro. No minuto 35 “Terciopelo” Fuentefría aproveitou o saque dunha falta lateral para poñer na mítica cabeza do solidario “Capitán Águila” Puñal un balón que este último non desaproveitou e que colocou de forma milimétrica lonxe do alcance dun porteiro visitante ó que lle parecía estar vivindo un soño nese momento, xa que un dos seus ídolos da infancia estaba a marcarlle un tanto que puido ver en directo e en primeira persoa, algo que seguro desexara moitas veces ó longo da súa vida. Todos eran felices nese momento, pero pouco despois todo cambiaría.

     “Kárate Kid” Recarey nunha das súas habituais saídas da portería desenfrenadas e asesinas case acaba coa vida do mítico “Capitán Águila” Puñal que sufriu un impacto que fixo tremer os pilares dos humildes vestiarios das Pedreiras e que encolleu os corazóns de todos os que viron este brutal choque de trens en directo. “Pilates” Anxo ante o sufrimento agonizante do seu capitán que non conseguía respirar de maneira limpa non dudou en xogarse a súa propia vida e colocouse debaixo da fornida espalda do mítico capitán verdillés, converténdose desta maneira na persoa que salvou a “Capitán Águila” Puñal e no heroe de toda a humanidade. “Pilates” Anxo nun feito que o honra non quixo recibir halagos pola súa valerosa acción e despois do encontro apelou á frase do almirante da Mariña de Guerra do Perú durante o s.XIX Miguel Grau que dixo unha vez, “se din que os heroes son coma min, é mentira que os heroes existan”.

     Dúas victorias consecutivas adornan a traxectoria do San Lorenzo, un complicado partido en Baio o vindeiro domingo pode marcar o definitivo resurxir dos rapaces verdilleses na competición costeira.