lunes, 21 de noviembre de 2011

San Lorenzo - Camariñas


     Boa tarde de fútbol chea de emoción e intensidade a que se viviu no campo de As Pedreiras no partido correspondente á 12ª xornada da estresante e ruidosa Liga da Costa que enfrontou ó San Lorenzo de Verdillo e ó líder da categoría o Camariñas que conseguiu unha victoria moi sufrida diante duns bravos rapaces verdilleses que loitaron con uñas e dentes contra un duro rival e contra a sorte que parece que esta temporada lles está sendo esquiva ós xogadores do San Lorenzo. A sorte, un factor que ninguén pode controlar como xa dixo Héctor Góngora nunha recordada frase que di “Hasta nas flores existe a diferencia de sorte. Unhas embelecen a vida e outras adornan a morte”.

     Na primeira metade despois dun inicio de partido trepidante e polémico o San Lorenzo conseguiu adiantarse no marcador dunha maneira clásica no conxunto de Verdillo. “Terciopelo” Fuentefría aproveitou un dos poucos momentos da súa vida no que non estaba a ser entrevistado por ninguén para sacar unha falta lateral que foi rematada como non podía ser de outra maneira por “Capitán Águila” Puñal, o seu cabezazo supersónico cheo de veleno foi repelido polo gardameta visitante nunha excelsa estirada, pero para aproveitar o seu rexeite por alí pasaba como vido da nada, sen querer molestar a ninguén, como de puntillas “Brigadas” Javi Pensado que tamén de cabeza conseguiu no rexeite o seu primeiro gol da temporada, enchendo así de ilusión as poboadas gradas de As Pedreiras e facendo pensar a todos os que alí estaban que a sorpresa era posible.

     Pouco durou esta alegría 10 minutos despois do gol local, o Camariñas igualaría o duelo e a partir dese momento o encontro encheuse de tensión e o fútbol converteuse nunha “pequena batalla” sobre terreo verdillés. Neste escenario os xogadores locais pertencentes á escola estoica atoparon o seu escenario perfecto. Os estoicos eran unha estirpe de filósofos da antiga Grecia que defendían que só alcanza a liberdade e felicidade absoluta aquel que é alleo ás comodidades da vida e que vive lonxe de calquera luxo material. Así pois, “Gladiator” Marcos claro discípulo desta escola acabou o encontro vestido cunha camisola diferente á do resto de xogadores presentes sobre o terreo de xogo, a súa loita levouno a encher de terra unha vestimenta que quizáis nunca máis volva a recuperar a súa cor natural e que acabou o partido pesando o dobre do habitual. Tampouco nos podemos esquecer de “Corazón de león” Adrián, na súa salsa disfrutou nesta tensión como disfruta un neno cando proba a súa primeira piruleta, discutiu a pracer, e puido ensalzar con ganas todas as virtudes que o converten nun dos maiores guerreiros da costa.

     No medio de tódalas leas, protestas e lesións varias, moitas ocasións tivo o San Lorenzo para adiantarse de novo no marcador, en especial foi “Capitán Águila” Puñal quen levou moito perigo cos seus cabezazos levados a cabo co seu cráneo de ouro, pero como contamos ó principio desta crónica a sorte foille esquiva ó conxunto do “xeneral” Chema Eirís e nunha contra dos visitantes onde se produciu un claro agarrón sobre o capitán verdillés, o Camariñas logrou un segundo tanto que tocou moito a moral do San Lorenzo que se viu de súpeto por debaixo no marcador dunha maneira inxusta. Nos últimos minutos co conxunto local volcado chegaría o definitivo 1-3 nunha acción na que despois dun bote estrano do balón, o xogador visitante aproveitou para superar por arriba a “Peinado loco” Puyol que non puido facer nada ante esta mostra de calidade individual. O que quedou en evidencia nestes goles do Camariñas foi a rede da portería de As Pedreiras que se viu en ambos remates atravesada polo balón, quizáis danada pola furia que demostran os xogadores do San Lorenzo en cada adestramento. Espérase unha colecta solidaria en Verdillo para axudar cos costes da compra dunha nova rede xa que este sería un gasto excesivo para o axustado presuposto do San Lorenzo, en caso de que o recadado non sexa suficiente quizáis unha pequena incursión nunha noite escura dalgún directivo verdillés en algún porto pesqueiro sexa suficiente para solucionar o problema.

     Agora espera a semana do derbi, o Sofán será o próximo rival dos de Verdillo nun partido que sempre é o máis esperado polos xogadores e afeccións de ambos equipos e no que a bo seguro se vivirán emocións fortes sobre o terreo de xogo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario