lunes, 14 de noviembre de 2011

Baio - San Lorenzo


     Pésimo partido o realizado polo San Lorenzo de Verdillo no encontro correspondente á 11ªxornada da brava e teimuda Liga da Costa que se disputou na localidade de Baio ante un equipo local que desplegou un bo fútbol e que foi o xusto merecedor da victoria neste emparellamento.

     Mal comezaron as cousas na previa do encontro para os de Verdillo ante a sorpresiva ausencia do grande “Capitán Águila” Puñal, nesta ocasión non foi un tour solidario o que o fixo caerse da convocatoria senón unha pequena enfermidade. Este feito tira por terra moitas das teorías que se estaban a crear sobre “Capitán Águila”, algunhas delas apuntaban a que a Teoría da Evolución de Charles Darwin estaba a seguir o seu curso e co capitán verdillés unha nova especie máis evolucionada, unha raza superior á do Homo Sapiens Sapiens, acababa de chegar á Terra e acabaría colonizando os catro puntos cardinais da mesma. Outros científicos defendían que con “Capitán Águila” Puñal o mito do superhome do que comezou a falar o filósofo alemán Friedrich Nietzsche tomaba forma. Nietzsche defendía que o home é unha ponte entre o animal e o superhome e que no medio hai un abismo de diferencias, dicía que o superhome chegará cando os homes excepcionais se atrevan a transformar os antigos valores e a crealos novos, o que coincidía plenamente coa traxectoria que estaba a seguir no mundo do fútbol o capitán verdillés, pero esta pequena enfermidade demostra que se é certo que o ser humano evolucionou con el, a mellora da raza debe de ser moi leve pois os virus atacan por igual a ambas especies. 
 
     Se contamos todo isto nesta crónica e para evitarnos en parte falar do pobre espectáculo vivido onte no estadio Platas Reinoso de Baio, o equipo branco e azul foi moi superior ó San Lorenzo nunha primeira metade na que así e todo, o conxunto de Verdillo puido igualar o 1-0 inicial cunha gran ocasión coa que contou “Coberturas” Dubra que enviou ó pao longueiro da coidada portería defendida polo porteiro local, un rexeite que na área pequena pedía a berros por un rematador. Todo puido cambiar con esta ocasión aínda que como di unha das máis famosas leis de Murphy, “A suposición é a nai de tódolos erros”. Pouco despois un segundo gol de bela factura conseguido polo Baio fixo pasar pola mente de todos os xogadores verdilleses, que aínda se lamentaban pola anterior ocasión perdida, outra frase de Antonio Machado, poeta español da “Xeneración do 98”, que quizáis representaba mellor a calidade do momento, Machado dixo unha vez, “soñar non costa nada o que costa é despertar e facer realidade os soños”.

     O final práctico do encontro produciuse ó fío do descanso cando un posible erro arbitral desencadeou a acción que orixinou o terceiro gol para o conxunto local. Este feito desembocou nunha serie de protestas nos xogadores verdilleses que acabaron co gardameta vermello “Kárate Kid” Recarey na ducha antes de tempo. Varios sacerdotes que se encontraban nas gradas do Platas Reinoso de Baio están a rezar actualmente pola alma de “Kárate Kid” Recarey que no medio do seu enfado lanzou unha serie de inxurias cara ó ceo que practicamente non deixaron descansar tranquilo a ningún dos benditos que forman o santoral cristiá. Sen embargo, “Kárate Kid” bo cristiá xa pediu perdón á comunidade liderada polo Papa Benedicto XVI, xa que non era el quen lanzou eses improperios senón que nese momento se sentía como posuído por un ser maligno que o fixo vociferar con tanta forza e rabia. Algún xogador dos presentes no terreo de xogo xa declarou no post-partido que un estrano olor a xofre invadiu o campo nese momento, polo que a versión dada polo gardamallas verdillés cobra unha forza inesperada.

     Na segunda metade, un cuarto tanto redondearía o marcador final deste encontro para esquecer do San Lorenzo. Novas metas se deben marcar os rapaces verdilleses nos próximos encontros, o Camariñas líder da liga visitará as Pedreiras o vindeiro domingo nun partido no que os locais non terán nada que perder.

No hay comentarios:

Publicar un comentario