lunes, 7 de noviembre de 2011

San Lorenzo - O Pindo


     Importante paso o dado polo San Lorenzo na 10ª xornada da pizpireta e enrevesada Liga da Costa despois de que os rapaces comandados polo “xeneral” Chema Eirís conseguisen a victoria no encontro disputado no campo das Pedreiras, que en esta ocasión presentaba un aspecto máis que digno, que ós enfrontou ó equipo do concello de Carnota de O Pindo. O partido foi en liñas xerais cómodo para o equipo local que conseguiu un triunfo por 2-0 con susto xa que a traxedia sobrevoou durante uns minutos o terreo de xogo verdillés, pero antes deste histórico feito ó que se lle dará a importancia que se merece outras xogadas e accións de mérito foron dignas de ser narradas e exaltadas nesta crónica.

     Moi pronto se puxo de cara o partido para os rapaces verdilleses, “Definición” Cachizo resolveu no minuto 10 de encontro con acerto un tiro que cruzou a área e que se colou inapelable ante a mirada impotente do gardamallas visitante que só puido contemplar como o balón topaba con forza contra a magullada rede da portería das Pedreiras, pero o feito verdadeiramente relevante foi a acción que orixinou esta oportunidade de gol que “Definición” non perdoou e que merece un análise a parte pola súa habitual relevancia nos encontros que disputa o San Lorenzo.

     E esa acción non é outra que un saque de banda, un simple saque de banda, unha das xogadas máis despreciadas no mundo do fútbol, que “Catapulta Infernal” Chucho converte nunha arte e nun perigo constante para os equipos rivais ante a violencia coa que o balón sae despedido das súas mans quen sabe se feitas dalgún tecido diferente ás do resto de seres humanos do planeta. O protocolo é sempre o mesmo, “Catapulta Infernal” Chucho achégase con sorprendente calma ó lugar desde onde se vai producir o temido saque de banda, colle o balón con cariño, cun cariño que non parece anunciar o que posteriormente vai suceder, coas dúas mans agarra o esférico e ahí comeza un estrano contoneo que recorda ó dunha serpe cando enfurecida comeza o seu ataque, sen coller ningún tipo de carreira nin nada que se lle pareza e simplemente con este chamativo movemento, de súpeto e como saído do vacío máis absoluto, o balón sae despedido das súas mans a unha velocidade tan estremecedora que está facendo pensar ós dirixentes da Federación Galega de Fútbol en permitir o uso de cascos nos xogadores de ambos equipos cando se produza esta acción ante as numerosas conmocións e mareos que sufren os valentes que se atreven a meter a cabeza no medio destes obuses.

     Entre saque de banda e saque de banda, outras cousas sucederon no encontro. No minuto 35 “Terciopelo” Fuentefría aproveitou o saque dunha falta lateral para poñer na mítica cabeza do solidario “Capitán Águila” Puñal un balón que este último non desaproveitou e que colocou de forma milimétrica lonxe do alcance dun porteiro visitante ó que lle parecía estar vivindo un soño nese momento, xa que un dos seus ídolos da infancia estaba a marcarlle un tanto que puido ver en directo e en primeira persoa, algo que seguro desexara moitas veces ó longo da súa vida. Todos eran felices nese momento, pero pouco despois todo cambiaría.

     “Kárate Kid” Recarey nunha das súas habituais saídas da portería desenfrenadas e asesinas case acaba coa vida do mítico “Capitán Águila” Puñal que sufriu un impacto que fixo tremer os pilares dos humildes vestiarios das Pedreiras e que encolleu os corazóns de todos os que viron este brutal choque de trens en directo. “Pilates” Anxo ante o sufrimento agonizante do seu capitán que non conseguía respirar de maneira limpa non dudou en xogarse a súa propia vida e colocouse debaixo da fornida espalda do mítico capitán verdillés, converténdose desta maneira na persoa que salvou a “Capitán Águila” Puñal e no heroe de toda a humanidade. “Pilates” Anxo nun feito que o honra non quixo recibir halagos pola súa valerosa acción e despois do encontro apelou á frase do almirante da Mariña de Guerra do Perú durante o s.XIX Miguel Grau que dixo unha vez, “se din que os heroes son coma min, é mentira que os heroes existan”.

     Dúas victorias consecutivas adornan a traxectoria do San Lorenzo, un complicado partido en Baio o vindeiro domingo pode marcar o definitivo resurxir dos rapaces verdilleses na competición costeira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario