domingo, 30 de octubre de 2011

Corcubión - San Lorenzo


         Conta a historia que un exército francés de 1000 homes invadiu o pobo de Corcubión a principios do s.XIX sabendo que tanto este bravo pobo como o seu veciño de Cee estábanse preparando para velar armas na súa contra, a violencia deste ataque levou ás xentes de Corcubión a refuxiarse no monte ata que unha partida de marines británicos axudou ós habitantes deste pobo a recuperar a normalidade perdida unha semana despois. Dous séculos máis tarde uns valentes rapaces de Verdillo chegaron ó Novo Cubeleiro, coqueto estadio con vistas ó mar, para loitar pola conquista de 3 puntos na 9ª xornada da prestixiosa e maquiavélica Liga da Costa, a conquista foi posible despois dun partido tenso e disputado.

         O San Lorenzo chegou a este partido plagado de baixas, quizáis a máis chamativa era a do adorado por fans de toda a costa “Capitán Águila” Puñal que se atopaba en algún lugar de América do Sur loitando para evitar que se siga coa deforestación da selva do Amazonas, todos estamos preocupados por el polo perigo desta viaxe pero o seu corazón solidario non coñece de riscos. Ademáis a súa baixa provocou que por primeira vez no que vai de temporada o pé e non a cabeza fosen o medio máis usado no xogo do conxunto verdillés, xa que as estadísticas con “Capitán Águila” Puñal son demoledoras, 4 de cada 5 balóns que toca son co seu privilexiado cráneo feito a proba de bombas, segundo contan as chamativas estadísticas do canal televisivo “La sexta”.

Falando do puramente futbolístico o encontro foi moi igualado en liñas xerais. Na primeira metade o San Lorenzo conseguiu adiantarse no marcador gracias ó gol de “Gladiator” Marcos que loitando como só el sabe, conseguiu facerse un oco entre os defensas locais e conectou un bo disparo desde fora da área que despois de rebotar nun xogador rival se acabou colando paseniño nas redes da portería do Corcubión. A celebración deste gol foi das máis accidentadas que se recordan, pois “Gladiator” Marcos necesita de contacto físico extremo en canto entra nun terreo de xogo e polo tanto as celebracións dos seus goles convértense en perigosas danzas cheas de codazos, empuxóns e cargas legais varias nas que o dianteiro disfruta e se ensalza.

Un feito que será recordado produciuse pouco antes do final deste primeiro acto de encontro, “Pilates” Anxo sustituto de “Capitán Águila” Puñal no centro da defensa verdillesa despexou un balón con tal violencia e brutalidade que conseguiu facelo desaparecer máis alá do horizonte. Científicos da NASA reunidos na súa sede central en Washington D.C. (EEUU), están a estudiar o comportamento deste balón que segue a circular arredor do planeta Terra nunha órbita elíptica, varios cazas do exército americano foron sacados ó ceo para derrubar este esférico, pero a velocidade destes avións supersónicos non era suficiente para alcanzalo. A última noticia que provén da capital estadounidense apunta a que o balón caerá sobre a superficie terrestre en menos de 2 días pois parece que comeza a perder velocidade e esperase que non caia sobre unha zona habitada xa que para calquer ser humano sería moi perigoso recibir o impacto de semellante proxectil.

           Volvendo ó fútbol, na segunda metade o dominio do encontro pasou a ser do conxunto local que xenerou as mellores oportunidades conseguindo finalmente o empate no minuto 75, pero 10 minutos despois saltou a noticia, “Dulce” Miguel acariciou o balón no saque dunha falta lateral a prol do conxunto verdillés, a pelota seguiu un efecto inexplicable para o ollo humano, un silencio conmovedor seguiu o voo do balón sobre o Novo Cubeleiro como se todo o mundo fose consciente de que o partido ía cambiar nese momento, só se oía a voz de “Corazón de león” Adrián que estaba a discutir cunha formiga que pasaba por alí algo que non entendiu de boas maneiras o vehemente xogador vermello, pero o balón seguía voando e como vido da nada pola área apareceu “Definición” Cachizo que rematou coa alma e confirmou a victoria para os rapaces verdilleses que foron conscientes nese momento de que como di o filósofo canadiense Lou Marinoff “Se fas ben o teu traballo, os frutos madurarán sós”.

           Así pois, nesta ocasión foron os de Verdillo e non os franceses os que conquistaron as terras de Corcubión, esperemos que esta victoria marque o inicio da saída definitiva dos postos baixos da clasificación para o San Lorenzo.

lunes, 24 de octubre de 2011

San Lorenzo - Castriz

       O temporal que asolou Galicia durante toda a xornada do domingo foi o gran protagonista do encontro correspondente á 8ª xornada da enconada e cabalerosa Liga da Costa entre o San Lorenzo e o Castriz que se disputou no “campo de fútbol” das Pedreiras. O habitual microclima que normalmente converte ó pobo de Verdillo nun dos lugares máis visitados por turistas e domingueiros de todo o mundo polas súas características climatolóxicas tan parecidas ás de lugares como Punta Cana ou Hawaii nesta ocasión non se fixo presente e o vento e a chuvia foron protagonistas e influíron no espectáculo e no resultado final de maneira moi relevante.
       
      O terreo de xogo das Pedreiras presentaba un aspecto máis apropiado para o arado e posterior pastoreo que para a disputa dun partido de fútbol, así pois nesta situación o deporte rei brilou pola súa ausencia, 22 xogadores loitaron sobre un campo impracticable, e cada pase convertíase nun acto que recordaba pola súa heroicidade ás mellores poesías épicas de tódolos tempos. Con este terreo de xogo todas as miradas apuntaban na mesma dirección “Corazón de león” Adrián coa súa habitual vehemencia desmesurada encontraba un escenario perfecto para demostrar todas as súas capacidades de loita, pero o rapaz nado en Verdillo sorprendeu a propios e estranos e demostrou unha tranquilidade e repouso interior que quizáis amosen que a súa madureza óptima como persoa e como futbolista estea chegando ó seu cume.
      
      En canto ó estrictamente deportivo, o Castriz levouse os 3 puntos do campo de Verdillo gracias a accións individuais dos seus xogadores que conseguiron a pesar das adversidades algúns goles de moi bela factura nos que o gardameta local “Peinado loco” Puyol non puido facer nada, un gol de “Tiramillas” Carlos fixo confiar na remontada ós rapaces do “xeneral” Chema Eirís que se acercaron con este tanto no marcador despois de que o partido comezara con un 0-2 adverso para eles, pero finalmente a pesar da súa loita desenfrenada e esquizofrénica non conseguiron igualar o encontro e o resultado final de 1-4 non demostra con exactitude o visto sobre o terreo de xogo pois o partido foi bastante máis igualado do que se puido ver no marcador final.
       
      Un dos momentos máis curiosos viviuse ó comezo da segunda metade do encontro, ambos equipos cambiaron os seus uniformes no tempo de descanso ante a dura situación climatolóxica que se estaba a vivir no campo verdillés, algo quizáis nunca visto antes na historia do fútbol, a confusión era total nos afeccionados que non entendían semexante desplegue de medios en ámbolos dous equipos tendo en conta o limitado dos presupostos dos mesmos, un duro esforzo de compresión tamén para o propio colexiado do encontro que parecía perdido ante tal batiburrillo de cores nun partido que se pode chamar non apto para daltónicos. Incluso o solidario e querido por nenos e anciáns “Capitán Águila” Puñal parecía confundido con estos cambios de vestiario e protagonizou un momento curioso cando quizáis levado pola desorientación se colocou como dianteiro centro do San Lorenzo abandonando as súas habituais funcións de defensor e de iniciador do xogo de “toque longo” do conxunto verdillés.
       
     Nesta ocasión o resultado foi negativo para os rapaces do San Lorenzo, pero eles saben que como dicía unha frase moi recordada do escritor libanés Khalil Gibran, “Por moi longa que sexa a tormenta o sol sempre volve a brilar entre as nubes”, esperemos que o sábado próximo no pobo costeiro de Corcubión a sorte cambie para os bravos rapaces verdilleses.

lunes, 17 de octubre de 2011

Nantón - San Lorenzo


            Como se dunha manifestación de “indignados” do 15-M apostados na mesmísima Porta do Sol de Madrid se tratase, centos de afeccionados do San Lorenzo se acercaron ó campo de As Fontiñas, e acamparon nas súas gradas e proximidades, aínda que dentro dun ambiente máis hixiénico e familiar, para disfrutar do encontro da 7ª xornada da dura e estoica liga da Costa entre o Nantón e o conxunto vermello.
            O partido comezou adverso unha vez máis para os rapaces verdilleses que entraron no campo comandados por “Capitán Águila” Puñal,  que cos seus sprints iniciais sempre deixa descolgado algún xogador do 11 inicial que non chega a tempo para saúdar á numerosa afección co agarimo que se merece. Un gol nos primeiros minutos do conxunto local despois dun rexeite colocou ós do “xeneral” Chema Eirís nunha situación complicada, pero unha vez máis este erro foi rápidamente subsanado porque como dicía o novelista e ilustrador vasco Juan Luís de Landa “a duda é o principio, a motivación a sùa consecuencia e a reacción o seu resultado” , e despois dunha falta sacada con mestría por “Tiramillas” Carlos o esférico foi levado ás redes por “Definición” Cachizo que por segunda semana consecutiva via porta e levaba o empate ó marcador, un resultado que xa non se movería en todo o que quedaba de encontro.
            A primeira metade foi dominada no xogo polo San Lorenzo que non aproveitou as ocasións que tivo, en especial foi “Definición” Cachizo quen facendo honra ó motivo do seu apodo, errou unha serie de ocasións que fixeron que varios afeccionados verdilleses teñan que visitar nos próximos días ós seus cardiólogos de confianza, eso sí segundo declarou “Definición”,  aqueles que o desexen poderán pedirlle ó rapaz de Soandres a suma do importe desta consulta, sabedor de que os seus erros  poden acabar coa saúde dos corazóns máis fortes.
            Na segunda metade o guión do encontro cambiou, o Nantón pasou a dominar o partido e a dispoñer das mellores ocasións, foi nese momento cando “Corazón de león” Adrián comezou a involucrarse en todas as polémicas e leas que xurdían en calquera punto do terreo de xogo, a súa vehemencia é temida nos campos da costa, tanto por árbitros como por xogadores rivais que ven peligrar a súa integridade física cando “Corazón de león” Adrián entra nun destes momentos de enaxenación mental transitoria. Cando esto ocorreu moitas das nais e pais que se atopaban en As Fontiñas decidiron sacar do recinto ós seus fillos temerosos de que “Corazón de león” aplacase a súa ira contra eles, a sangue tinguiu de vermello os seus ollos encolerizados e incluso unha pequena discusión co querido e adorado en toda a zona norte de Etiopía “Capitan Águila” Puñal fixo temer un final tráxico que nunca chegaría.
            Así pois, o San Lorenzo sacou un punto neste encontro o que lle serve para seguir sumando e encaramarse a postos máis altos na táboa clasificatoria, a peor nova para os de Verdillo foron as lesións de “Matalobos” Casillero e de “Coberturas” Dubra que increíblemente saíron coxeando do terreo de xogo, parece que o mito do que se falaba en Verdillo de que o “xeneral” Chema Eirís cos seus duros adestramentos convertía a xogadores humildes en máquinas case perfectas, nas que nin os golpes nin a fatiga extrema facían efecto, non era de todo certo xa que os xogadores do San Lorenzo seguen tendo todos os sentidos dos seres vivos intactos:  tanto o da vista como demostran especialmente nas noites carballesas opinando sobre diversos “temas”, como o do gusto como demostran co ”bo dente” que amosan os venres co famoso pincho do San Lorenzo, como o do tacto como demostran nos seus toques de balón finos e delicados, como o do oído que demostran cando se animan cos numerosos e vaporosos berros de ánimo da afección verdillesa, e como o do olfato como demostran porque moitos dos seus xogadores teñen a habilidade única de oler ó lonxe as posibles churrascadas ó aire libre que hai nun radio de 17 kilómetros á redonda, virtude esta digna dun posible récord Guiness.

lunes, 10 de octubre de 2011

San Lorenzo - Mazaricos

O partido no campo das Pedreiras comezou frío como se os dous equipos e o numeroso xentío que se achegou ó campo verdillés estivesen aínda impactados pola que foi a noticia da semana na crónica rosa a boda da Duquesa de Alba e Alfonso Díez, quizáis ese foi o motivo polo que no minuto 6 o Mazaricos se adiantou no marcador desde o punto de penalti, era como se os xogadores verdilleses non puidesen deixar de rememorar nas súas cabezas a tremenda imaxe da Duquesa meneando as súas cadeiras ó son dunha pegadiza sevillana.
        Pero os rapaces do “xeneral” Chema Eirís reaccionaron rápido e deixaron atrás os recordos deste gran acontecemento, primeiro “Terciopelo” Fuentefría coa súa habitual frialdade conectou un efecto imposible para calquer gardameta que poidamos caracterizar como ser humano e converteu o empate desde o punto de penalti , e posteriormente “Capitán Águila” Puñal, nunha típica cabezada das súas na que o balón despois de rebotar na súa coroa de ouro entrou como se estivera posuído pegado á cepa do pao da portería do Mazaricos a 135 km/h, feito este que fixo saltar varios radares de tráfico e que provocou unha fenda nas redes da humilde portería verdillesa e na moral dos xogadores visitantes, estes goles déronlle a volta rápidamente a un marcador que comezara adverso para os vermellos.
       O San Lorenzo creceuse nese momento e seguiu co asedio á portería rival, así un córner sacado maxistralmente por “Dulce” Miguel foi rematado con sorprendente tranquilidade e suavidade por “Definición” Cachizo e o 3-1 fíxose unha realidade no inexistente marcador das Pedreiras , pero os rapaces do San Lorenzo nunca queren decepcionar ós seus afeccionados e 2 minutos despois permitiron outro novo gol desde a liña de 11 metros(quizáis 9 metros no campo verdillés) do conxunto visitante o que lle permitiría ós fieis afeccionados disfrutar dunha nova tarde de sufrimento durante o segundo acto do encontro, porque parece que os rapaces do San Lorenzo fixeron súa unha das máis coñecidas frases de Pierre Auguste Renoir, un dos pintores franceses máis célebres nado no s.XIX cando dixo “Necesito sentir a emoción da vida, a axitación ó redor miña”.
       Na segunda metade o marcador xa non se movería gracias sobre todo ás boas intervencións de “Kárate Kid” Recarey na portería verdillesa e á seriedade da defensa do San Lorenzo liderada como non por “Capitán Águila” Puñal, un mito nos campos da costa, son moitos os xogadores dos equipos rivais que se achegan para pedir a súa camiseta sudada e pegañenta ó final dos encontros pero a súa resposta sempre é a mesma: “non podo, esta camiseta será vendida nunha poxa a través de Internet, e todo o recadado será para os nenos pobres da zona norte de Etiopía”, todo un heroe este “Capitán Águila”.
       Así pois, o San Lorenzo conseguiu neste emocionante encontro a primeira victoria da temporada, esperamos que esta sexa a primeira de moitas, e que os xogadores verdilleses non sexan soamente coñecidos a partir de agora polas súas provocativas poses en calendarios, polas súas numerosas e ruidosas ceas ou polas súas divertidas e rimbombantes saídas nocturnas especialmente nas noites dos venres, senón que tamén sexan coñecidos nos campos da costa polas súas brillantes victorias nas tardes dos domingos.

Aviso importante

Comezamos aquí un proxecto ambicioso que vai buscar desde un punto de vista “””culto e refinado””” comentar os partidos do San Lorenzo de Verdillo, un clube modesto do concello de Carballo que xoga os seus partidos no campo das Pedreiras dentro da ruda liga da Costa , todo o que aquí se vai escribir vai estar encadrado dentro de un ton de humor que será evidente e esperamos que sexa entendido así por todos aqueles que se dispoñan a ler e comentar estas crónicas. Esperando que así sexa, comezamos.