lunes, 10 de octubre de 2011

San Lorenzo - Mazaricos

O partido no campo das Pedreiras comezou frío como se os dous equipos e o numeroso xentío que se achegou ó campo verdillés estivesen aínda impactados pola que foi a noticia da semana na crónica rosa a boda da Duquesa de Alba e Alfonso Díez, quizáis ese foi o motivo polo que no minuto 6 o Mazaricos se adiantou no marcador desde o punto de penalti, era como se os xogadores verdilleses non puidesen deixar de rememorar nas súas cabezas a tremenda imaxe da Duquesa meneando as súas cadeiras ó son dunha pegadiza sevillana.
        Pero os rapaces do “xeneral” Chema Eirís reaccionaron rápido e deixaron atrás os recordos deste gran acontecemento, primeiro “Terciopelo” Fuentefría coa súa habitual frialdade conectou un efecto imposible para calquer gardameta que poidamos caracterizar como ser humano e converteu o empate desde o punto de penalti , e posteriormente “Capitán Águila” Puñal, nunha típica cabezada das súas na que o balón despois de rebotar na súa coroa de ouro entrou como se estivera posuído pegado á cepa do pao da portería do Mazaricos a 135 km/h, feito este que fixo saltar varios radares de tráfico e que provocou unha fenda nas redes da humilde portería verdillesa e na moral dos xogadores visitantes, estes goles déronlle a volta rápidamente a un marcador que comezara adverso para os vermellos.
       O San Lorenzo creceuse nese momento e seguiu co asedio á portería rival, así un córner sacado maxistralmente por “Dulce” Miguel foi rematado con sorprendente tranquilidade e suavidade por “Definición” Cachizo e o 3-1 fíxose unha realidade no inexistente marcador das Pedreiras , pero os rapaces do San Lorenzo nunca queren decepcionar ós seus afeccionados e 2 minutos despois permitiron outro novo gol desde a liña de 11 metros(quizáis 9 metros no campo verdillés) do conxunto visitante o que lle permitiría ós fieis afeccionados disfrutar dunha nova tarde de sufrimento durante o segundo acto do encontro, porque parece que os rapaces do San Lorenzo fixeron súa unha das máis coñecidas frases de Pierre Auguste Renoir, un dos pintores franceses máis célebres nado no s.XIX cando dixo “Necesito sentir a emoción da vida, a axitación ó redor miña”.
       Na segunda metade o marcador xa non se movería gracias sobre todo ás boas intervencións de “Kárate Kid” Recarey na portería verdillesa e á seriedade da defensa do San Lorenzo liderada como non por “Capitán Águila” Puñal, un mito nos campos da costa, son moitos os xogadores dos equipos rivais que se achegan para pedir a súa camiseta sudada e pegañenta ó final dos encontros pero a súa resposta sempre é a mesma: “non podo, esta camiseta será vendida nunha poxa a través de Internet, e todo o recadado será para os nenos pobres da zona norte de Etiopía”, todo un heroe este “Capitán Águila”.
       Así pois, o San Lorenzo conseguiu neste emocionante encontro a primeira victoria da temporada, esperamos que esta sexa a primeira de moitas, e que os xogadores verdilleses non sexan soamente coñecidos a partir de agora polas súas provocativas poses en calendarios, polas súas numerosas e ruidosas ceas ou polas súas divertidas e rimbombantes saídas nocturnas especialmente nas noites dos venres, senón que tamén sexan coñecidos nos campos da costa polas súas brillantes victorias nas tardes dos domingos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario