domingo, 30 de octubre de 2011

Corcubión - San Lorenzo


         Conta a historia que un exército francés de 1000 homes invadiu o pobo de Corcubión a principios do s.XIX sabendo que tanto este bravo pobo como o seu veciño de Cee estábanse preparando para velar armas na súa contra, a violencia deste ataque levou ás xentes de Corcubión a refuxiarse no monte ata que unha partida de marines británicos axudou ós habitantes deste pobo a recuperar a normalidade perdida unha semana despois. Dous séculos máis tarde uns valentes rapaces de Verdillo chegaron ó Novo Cubeleiro, coqueto estadio con vistas ó mar, para loitar pola conquista de 3 puntos na 9ª xornada da prestixiosa e maquiavélica Liga da Costa, a conquista foi posible despois dun partido tenso e disputado.

         O San Lorenzo chegou a este partido plagado de baixas, quizáis a máis chamativa era a do adorado por fans de toda a costa “Capitán Águila” Puñal que se atopaba en algún lugar de América do Sur loitando para evitar que se siga coa deforestación da selva do Amazonas, todos estamos preocupados por el polo perigo desta viaxe pero o seu corazón solidario non coñece de riscos. Ademáis a súa baixa provocou que por primeira vez no que vai de temporada o pé e non a cabeza fosen o medio máis usado no xogo do conxunto verdillés, xa que as estadísticas con “Capitán Águila” Puñal son demoledoras, 4 de cada 5 balóns que toca son co seu privilexiado cráneo feito a proba de bombas, segundo contan as chamativas estadísticas do canal televisivo “La sexta”.

Falando do puramente futbolístico o encontro foi moi igualado en liñas xerais. Na primeira metade o San Lorenzo conseguiu adiantarse no marcador gracias ó gol de “Gladiator” Marcos que loitando como só el sabe, conseguiu facerse un oco entre os defensas locais e conectou un bo disparo desde fora da área que despois de rebotar nun xogador rival se acabou colando paseniño nas redes da portería do Corcubión. A celebración deste gol foi das máis accidentadas que se recordan, pois “Gladiator” Marcos necesita de contacto físico extremo en canto entra nun terreo de xogo e polo tanto as celebracións dos seus goles convértense en perigosas danzas cheas de codazos, empuxóns e cargas legais varias nas que o dianteiro disfruta e se ensalza.

Un feito que será recordado produciuse pouco antes do final deste primeiro acto de encontro, “Pilates” Anxo sustituto de “Capitán Águila” Puñal no centro da defensa verdillesa despexou un balón con tal violencia e brutalidade que conseguiu facelo desaparecer máis alá do horizonte. Científicos da NASA reunidos na súa sede central en Washington D.C. (EEUU), están a estudiar o comportamento deste balón que segue a circular arredor do planeta Terra nunha órbita elíptica, varios cazas do exército americano foron sacados ó ceo para derrubar este esférico, pero a velocidade destes avións supersónicos non era suficiente para alcanzalo. A última noticia que provén da capital estadounidense apunta a que o balón caerá sobre a superficie terrestre en menos de 2 días pois parece que comeza a perder velocidade e esperase que non caia sobre unha zona habitada xa que para calquer ser humano sería moi perigoso recibir o impacto de semellante proxectil.

           Volvendo ó fútbol, na segunda metade o dominio do encontro pasou a ser do conxunto local que xenerou as mellores oportunidades conseguindo finalmente o empate no minuto 75, pero 10 minutos despois saltou a noticia, “Dulce” Miguel acariciou o balón no saque dunha falta lateral a prol do conxunto verdillés, a pelota seguiu un efecto inexplicable para o ollo humano, un silencio conmovedor seguiu o voo do balón sobre o Novo Cubeleiro como se todo o mundo fose consciente de que o partido ía cambiar nese momento, só se oía a voz de “Corazón de león” Adrián que estaba a discutir cunha formiga que pasaba por alí algo que non entendiu de boas maneiras o vehemente xogador vermello, pero o balón seguía voando e como vido da nada pola área apareceu “Definición” Cachizo que rematou coa alma e confirmou a victoria para os rapaces verdilleses que foron conscientes nese momento de que como di o filósofo canadiense Lou Marinoff “Se fas ben o teu traballo, os frutos madurarán sós”.

           Así pois, nesta ocasión foron os de Verdillo e non os franceses os que conquistaron as terras de Corcubión, esperemos que esta victoria marque o inicio da saída definitiva dos postos baixos da clasificación para o San Lorenzo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario