lunes, 24 de octubre de 2011

San Lorenzo - Castriz

       O temporal que asolou Galicia durante toda a xornada do domingo foi o gran protagonista do encontro correspondente á 8ª xornada da enconada e cabalerosa Liga da Costa entre o San Lorenzo e o Castriz que se disputou no “campo de fútbol” das Pedreiras. O habitual microclima que normalmente converte ó pobo de Verdillo nun dos lugares máis visitados por turistas e domingueiros de todo o mundo polas súas características climatolóxicas tan parecidas ás de lugares como Punta Cana ou Hawaii nesta ocasión non se fixo presente e o vento e a chuvia foron protagonistas e influíron no espectáculo e no resultado final de maneira moi relevante.
       
      O terreo de xogo das Pedreiras presentaba un aspecto máis apropiado para o arado e posterior pastoreo que para a disputa dun partido de fútbol, así pois nesta situación o deporte rei brilou pola súa ausencia, 22 xogadores loitaron sobre un campo impracticable, e cada pase convertíase nun acto que recordaba pola súa heroicidade ás mellores poesías épicas de tódolos tempos. Con este terreo de xogo todas as miradas apuntaban na mesma dirección “Corazón de león” Adrián coa súa habitual vehemencia desmesurada encontraba un escenario perfecto para demostrar todas as súas capacidades de loita, pero o rapaz nado en Verdillo sorprendeu a propios e estranos e demostrou unha tranquilidade e repouso interior que quizáis amosen que a súa madureza óptima como persoa e como futbolista estea chegando ó seu cume.
      
      En canto ó estrictamente deportivo, o Castriz levouse os 3 puntos do campo de Verdillo gracias a accións individuais dos seus xogadores que conseguiron a pesar das adversidades algúns goles de moi bela factura nos que o gardameta local “Peinado loco” Puyol non puido facer nada, un gol de “Tiramillas” Carlos fixo confiar na remontada ós rapaces do “xeneral” Chema Eirís que se acercaron con este tanto no marcador despois de que o partido comezara con un 0-2 adverso para eles, pero finalmente a pesar da súa loita desenfrenada e esquizofrénica non conseguiron igualar o encontro e o resultado final de 1-4 non demostra con exactitude o visto sobre o terreo de xogo pois o partido foi bastante máis igualado do que se puido ver no marcador final.
       
      Un dos momentos máis curiosos viviuse ó comezo da segunda metade do encontro, ambos equipos cambiaron os seus uniformes no tempo de descanso ante a dura situación climatolóxica que se estaba a vivir no campo verdillés, algo quizáis nunca visto antes na historia do fútbol, a confusión era total nos afeccionados que non entendían semexante desplegue de medios en ámbolos dous equipos tendo en conta o limitado dos presupostos dos mesmos, un duro esforzo de compresión tamén para o propio colexiado do encontro que parecía perdido ante tal batiburrillo de cores nun partido que se pode chamar non apto para daltónicos. Incluso o solidario e querido por nenos e anciáns “Capitán Águila” Puñal parecía confundido con estos cambios de vestiario e protagonizou un momento curioso cando quizáis levado pola desorientación se colocou como dianteiro centro do San Lorenzo abandonando as súas habituais funcións de defensor e de iniciador do xogo de “toque longo” do conxunto verdillés.
       
     Nesta ocasión o resultado foi negativo para os rapaces do San Lorenzo, pero eles saben que como dicía unha frase moi recordada do escritor libanés Khalil Gibran, “Por moi longa que sexa a tormenta o sol sempre volve a brilar entre as nubes”, esperemos que o sábado próximo no pobo costeiro de Corcubión a sorte cambie para os bravos rapaces verdilleses.

3 comentarios:

  1. Javi Varela e Javi Pensado, non estaban no campo.
    A ver quen é o topo?

    ResponderEliminar
  2. En non pouco tempo darase a conocer a identidade de pedreirin

    ResponderEliminar
  3. Presentome: Son Diego F. (directivo da S.D. San Lorenzo).

    Aposta personal a cerca da identidade de Pedreirin:

    O pé desta páxina aparece un nome de empresa (Guillermo Parga S.L.), se pesquisamos no google non aparecen datos relevantes, pero se buscamos por "Guillermo Parga", sobresale un resultado...Guillermo Parga Abad, contrastando este nome cos amigos que eu teño en comun no facebook resulta interesante ver que temos un amigo en común: "Rudi", está claro que Rudi non pode ser o topo, xa que non coñeze tantos detalles internos do equipo, pero sí un amigo íntimo de Rudi, que seguro é amigo tamén de Pedreirín......dito isto, a miña aposta dividese en 2:

    Redactor: Guillermo Parga Abad.
    TOPO: JORGE PICHEL.

    P.D.: Se non acertei, pido disculpas polas persoas nomeadas neste post.

    ResponderEliminar