lunes, 28 de noviembre de 2011

Sofán - San Lorenzo


     Chegou na 13ªxornada da trepidante e vangloriada Liga da Costa o día do derbi carballés. Sofán e San Lorenzo atopáronse no campo de O Carral ante un numeroso xentío que ateigou as gradas e disputaron un encontro cargado de tensión tanto no campo como fora del, como sempre sucede neste tipo de enfrontamentos directos, entre dous pobos veciños que disfrutan nunha eterna rivalidade. Cabe destacar que na previa deste encontro as autoridades sanitarias prohibiron a algunhas persoas, a maioría xubilados, acudir ó campo sofanista ante o que foi un encontro declarado pola Federación Galega de Fútbol como “partido de alto risco para débiles de corazón”. Estas baixas foron moi ben tomadas polos propietarios do bar máis cercano ó campo de O Carral que encheu as súas mesas de numerosas partidas de dominó e de tute, aínda que xa se sabe que os xubilados teñen a estrana capacidade de poder estar máis de 8 horas nun bar xogando a partida e consumir soamente un pequeno chupito de caña de herbas, producindo máis desgaste nos asentos do local que beneficios na caixa do mesmo.

     Centrándonos no deportivo, comezaron moito máis metidos no partido os xogadores locais que nos primeiros minutos moveron o balón dunha maneira vistosa e puxeron en moitos apuros ó San Lorenzo que só podía limitarse a deixar pasar o tempo ante esta avalancha inicial de xogo do Sofán. Finalmente no minuto 15, despois dun saque de esquina que foi rexeitado pola defensa do San Lorenzo unha boa volea desde o borde da área adiantou ós locais no marcador dunha maneira merecida. Neste período inicial do encontro “Gladiator” Marcos foi víctima da súa propia vehemencia, o árbitro nesta ocasión foi o peor parado nas súas airadas protestas, os seus berros que firmaría o mesmísimo Plácido Domingo escoitáronse en pleno centro da capital carballesa que se atopa a varios quilómetros de distancia, creando o pánico entre a poboación ante o que parecían os gritos desesperados, que viñan do ceo, dalgún home que profanaba nun idioma inintelixible. 
 
     Pouco a pouco despois do gol local, o equipo do “xeneral” Chema Eirís foise asentando sobre o que parecía un terreo de xogo bastante esvaradizo e o partido foise igualando ós poucos. Os bos síntomas para os rapaces de Verdillo chegaron cando “Capitán Águila” Puñal, como no patio da súa casa no campo de O Carral ante as numerosas visitas que xa realizou a este estadio ó longo da súa dilatada traxectoria costeira, comezou a despexar balóns co seu prominente cráneo de ouro, aínda que estranamente durante este encontro non puido contribuír con perigo en ataque xa que a veterana defensa do Sofán fixo moi difícil a loita polos balóns aéreos e iso notouse no pouco perigo que o San Lorenzo demostrou a balón parado.

     Na segunda metade, o guión do encontro non cambiou en demasía con respecto ó dos últimos minutos do primeiro acto e a igualdade foi a nota predominante entre ambos equipos. O San Lorenzo buscaba desesperadamente un gol que non chegaba a pesar de que contou con algunhas ocasións moi claras e o partido parecía agonizar sen posibilidade de cambio no marcador. Pero case no desconto, todo cambiou. “Catapulta Infernal” Chucho realizou un dos seus habituais saques de banda asasinos e colocou o balón na área pequena do conxunto local, aínda que ante o estreito do terreo de xogo de O Carral practicamente non necesitou nin de torcer a columna no seu habitual escorzo, e alí “Tiramillas”Carlos desatado durante todo os minutos que participou no encontro introduciu de maneira sufrida e con moita fe, o balón na portería do Sofán conseguindo un empate que soubo a gloria nos de Verdillo. O San Lorenzo conseguiu este empate a base de loita encarnizada porque como dixo Luís López de Mesa, escritor e político colombiano, unha vez: “O espírito non só da de sí segundo o que teña, senón tamén segundo o que de el se demande”.

     Con este empate, o partido esmoreceu e os dous equipos veciños non volverán a xuntar os seus camiños ata o encontro que os volva a enfrontar na segunda volta en terreo verdillés. Antes, a vindeira semana o San Lorenzo volverá ó seu feudo de As Pedreiras e alí o Corme será o rival que visite ós rapaces vermellos.

1 comentario: