lunes, 5 de diciembre de 2011

San Lorenzo - Corme


     Nova tarde polémica e emocionante de fútbol a que puido ver todo aquel que se decidira a pasar polo campo de As Pedreiras para presenciar o encontro da 14ªxornada da suorenta e falcatrueira Liga da Costa entre o San Lorenzo de Verdillo e o Corme, un dos equipos máis peculiares do campionato, os seus xogadores que contan cunha gran calidade individual non se destacan precisamente pola súa motivación para adestrar algo que quizáis lles impida chegar a cotas máis altas nesta liga.

     A primeira metade non comezou ben para os xogadores locais, o Corme levou o dominio do encontro e creou as mellores ocasións durante todo este período. Desta maneira foron os visitantes os que se adiantaron no marcador no minuto 20 despois dunha rápida contra que non foron capaces de deter os xogadores do San Lorenzo. Pero os locais non se viñeron abaixo e conseguiron o empate antes do final dos primeiros 45 minutos nunha xogada a balón parado como xa é tradición nos vermellos. Nesta ocasión foi “Gladiator” Marcos quen conseguiu no segundo pao despois dun saque de esquina igualar o duelo, o dianteiro atopábase só na área pequena no momento do remate, quizáis porque os 8 xogadores do Corme que se atopaban na área nese momento estaban embaucados nunha férrea marcaxe sobre o gran “Capitán Águila” Puñal ante o perigo dos seus remates de cabeza xa míticos na costa, porque xa é sabido que como dicía Patrick Süskind, polifacético escritor e guionista alemán, “Unha obsesión pódete levar ó borde da tolemía e guiarte directamente á perdición”.

     Intensísima e polémica foi a segunda metade do encontro. O San Lorenzo conseguiría adiantarse no marcador ós 10 minutos deste período, despois de que un gran centro de “Gladiator” Marcos, fora rematado na área por “Tiramillas” Carlos que chegou con moita forza e en carreira para levar o balón ás redes da portería defendida polo voluminoso porteiro visitante. Uns minutos máis tarde o Corme conseguiría empatar despois dunha boa cabezada tras unha falta lateral e o partido despois dese feito converteuse nunha sucesión de polémicas e leas que fixeron que o xogo se cortara cada unha media de tempo de 15 segundos aproximadamente e que impediu que o marcador se volvera mover ata o final do partido. Ademáis, cabe destacar que o colexiado do encontro necesitou tomar varias pastillas de “Gelocatil” xa que sufría unha gran dor de cabeza ante as numerosas protestas que recibiu por parte de ambos equipos neste tramo final de encontro, tamén foron varios os xogadores de ambos bandos que necesitaron a inxestión de píldoras “Juanola” para poder continuar protestando, xa que eran moitos os “galos” que se comezaban a oír nas voces dos persistentes futbolistas.

     Tamén se produciu outro importante feito neste encontro. “Corazón de León” Adrián, que fixo un gran partido, sufriu un duro golpe que o fixo laiarse de maneira vehemente, como todo o que el fai, sobre o terreo de xogo. Foron varios os xogadores do Corme que se puxeron a rezar de xeonllos sobre o enlamado campo de Verdillo nese momento para que non lles tocara a eles sufrir a posible vinganza do lateral, o ceo comezou a chorar con máis forza nese intre, tamén as nubes que o cubrían volvéronse máis escuras presaxiando unha forte tormenta, pero o rapaz de Verdillo demostrou a súa madureza persoal e tragou toda a furia para centrarse soamente no estrictamente deportivo e a natureza deixou de mandar estas sinais vitais que anticipaban unha desgracia que en outra época sería case inevitable. Moi destacable tamén foi a actuación de “Matalobos” Casillero no centro zaga verdillesa neste encontro, o defensa que tivo a sorte de xogar ó lado de “Capitán Águila” Puñal, demostrou porque é considerado como un dos poucos homes no planeta capaces de aguantar unha loita man a man contra Chuck Norris. Ademáis, conta a lenda que os dianteiros que se enfrontan a el non conseguen conciliar ben o sono durante varios días xa que se espertan en suores fríos e despois de sufrir terribles pesadelas nas que imaxinan que “Matalobos” Casillero os estará observando sentado impasible nas súas habitacións cando esperten, no que se convertía nos seus soños, nunha marcaxe infinita.

     O clube máis rico da categoría, o Club do Mar de Caión será o próximo rival do San Lorenzo, a diferencia de presupostos non será un obstáculo para os humildes rapaces verdilleses que a bo seguro loitarán contra as adversidades e contra os petrodólares para sacar un resultado positivo este vindeiro sábado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario