lunes, 19 de diciembre de 2011

San Lorenzo - Malpica


     “Se atopas un camiño sen obstáculos desconfía. O probable é que non conduza a ningunha parte”, esta sentenza de Constancio C.Vigil, escritor de literatura infantil e empresario uruguaio, representa como poucas a situación dos de Verdillo nunha temporada que parece abocada a unha loita desaforada ata o final da mesma pola permanencia na categoría. E é que San Lorenzo e Malpica citáronse no encontro da 16ª xornada da lerianta e procreadora Liga da Costa, nun encontro no que os locais necesitaban puntuar porque a súa situación clasificatoria así o esixía, pero o Malpica pasou coma un ciclón polo campo de As Pedreiras nunha primeira metade na que sentenciaron o encontro en tres accións a balón parado, golpeando ós de Verdillo precisamente onde son máis fortes e prolongando desta maneira a mala racha que persegue ós “rapaces de vermello”.

     Os dous equipos contaban con numerosas baixas para a disputa desta xornada pre-nadal do campionato, pero foi o Malpica, un dos equipos con máis tradición na costa, o que comezou máis metido no encontro e o que dominou na primeira metade do mesmo. Ten que solucionar o San Lorenzo os problemas iniciais que sempre lles xeneran os equipos rivais que conseguen adiantarse con demasiada frecuencia moi cedo no marcador. Esta vez non foi unha excepción e o Malpica adiantouse con dous goles despois de respectivos saques de esquina e sorprendendo ós locais con perigo en cada acción a balón parado, en algo que hasta o de agora estaba a ser un dos puntos fortes do San Lorenzo na Liga, as xogadas de estratexia. Un terceiro golpe en forma de falta directa á media hora de encontro fixo parecer imposible unha remontada que efectivamente estivo moi lonxe de chegar.

     Comezaron a segunda metade os xogadores locais con máis chispa, pero aínda así este ímpetu non foi suficiente para acercarse nun marcador claramente decantado a prol dos de Malpica. “Capitán Águila” Puñal eterno perigo nas xogadas a balón parado para as defensas rivais, mandou ó ceo dos balóns a mellor ocasión coa que contaron os locais nun remate a boca de xerro na área pequena que non tivo o éxito desexado. Despois, polémica coa expulsión de “Gladiator” Marcos, co que tivo moitos problemas o colexiado para apuntar o seu número xa que, como sempre ocorre co dianteiro, as toneladas de terra e barro que estaban pegados á súa camisola facían imposible diferenciar unha cifra lexible no seu lombo, e polémica tamén coa posible agresión a “Playboy” Jorge Pichel que tivo que saír do terreo de xogo magullado por un golpe recibido na cara.

     Pouco máis, só dicir que unha vez un campesiño tiña unha mula xa vella que un día caeu nun pozo da súa finca. O campesiño ó ver o que sucedía moi apenado decidiu chamar ós seus veciños e contoulles o que estaba pasando, pediulles que lle axudaran a enterrar a mula no pozo para que non continuara sufrindo. Cando comezaron a palexar terra sobre o pozo a mula púxose histérica, pero nese dramático momento unha idea veu á súa mente: ”Debo sacudirme e subir sobre a terra”. Isto fixo a mula unha palexada tras outra. “¡Sacúdete e sube, sacúdete e sube, sacúdete e sube!”, pensaba animándose a sí mesma. Non importaban canto de dolorosos foran os golpes da terra e as pedras sobre o seu lombo, ou o terrible da situación, a mula seguiu loitando contra o seu pánico e continuou con fe inesgotable sacudíndose e subindo. Os homes sorprendidos acabaron comprendendo a estratexia da mula, e iso animounos a seguir palexando. Pouco a pouco conseguiu chegar ata o punto no que puido saír dun brinco das paredes daquel pozo. A terra que ía a enterrala converteuse finalmente na súa salvación, todo pola maneira exemplar en que se enfrontou á adversidade.

     Non deben baixar os brazos os xogadores do San Lorenzo, agora as festas de Nadal marcan un parón que os debe facer reflexionar para comezar a segunda volta do campionato con forzas renovadas loitando contra a adversidade como fixo a mula.

1 comentario:

  1. Animos pra que o esforzo e o traballo alivie un pouco a situación deportiva dos de Verdillo, coa obtención de millores resultados pra o ano que ven, saudos os coñecidos en especial o Capitán Puñal, estandarte e fronte visible da equipa , e noraboa o crónista pola aportación "xenuina e ilustrativa " coa que persoalmente me deleita. ¡Hai que ter confianza ainda que haxa desconfianza !

    ResponderEliminar