lunes, 16 de enero de 2012

Esteirana - San Lorenzo


     A 18ª xornada da peideira e susceptible Liga da Costa pode marcar un punto de inflexión na tormentosa traxectoria do San Lorenzo nunha campaña que ata o de agora estaba a ser moi negativa en resultados para o equipo de Verdillo. Un gran partido por parte dos rapaces de vermello (verde pistacho nesta ocasión) levounos a conseguir os 3 puntos no complicado campo José Luís Vara de Esteiro, ante un equipo local que se viu sorprendido polas gañas e a motivación que demostraron os xogadores do San Lorenzo. O resultado final de 1-2 mostra ben ás claras a igualdade que se puido ver nun encontro ó que o San Lorenzo chegaba plagado de baixas, o seu banco de suplentes recordaba a un concerto do gran artista coruñés Cañita Brava pola pouca afluencia de público que atesoraba, só foron 12 os elementos humanos que o conxunto de Verdillo puido presentar neste partido. Tristísima, en especial, foi a baixa de “Capitán Águila” Puñal de novo de xira solidaria por Camerún amamantando recén nacidos deshidratados. Miles de nenos, anciáns e mulleres solteiras de todo o concello de Muros e arredores decidiron non acudir finalmente ó encontro xa que para eles e especialmente para elas non tiña sentido se o seu ídolo non ía saír ó terreo de xogo para deleitalos. 
 
     O paradisíaco entorno que rodea o coqueto estadio José Luis Vara e a tarde soleada que se presentou no atardecer do domingo no turístico pobo de Esteiro, unido ós poucos efectivos cos que contaba o San Lorenzo para este encontro da Liga da Costa podía facer pensar ós afeccionados e xogadores locais que a chegada dos de Verdillo á súa terra era meramente turística. Pero pronto demostraron os xogadores verdilleses que ese non era o motivo da súa visita a esta fermosa vila do concello de Muros. O San Lorenzo esperaba atrás repregado a unha Esteirana que levaba o dominio do encontro pero que non encontraba a maneira de rebasar a ordenada defensa visitante. Ata que no minuto 20 de partido un sorprendente disparo lonxano dun xogador local adiantou no marcador ós de Esteiro, despois de que o balón se movera na súa traxectoria cara a portería coa mesma facilidade e intensidade coa que o fan as cadeiras dos xogadores do San Lorenzo calquera venres do ano nunhas das súas habituais saídas nocturnas, pero a recuperación dos de Verdillo chegou nun primeiro gol, 15 minutos máis tarde, digno de ser contado como se merece nesta crónica.

     E é que a combinación de pases previa á chegada do primeiro gol verdillés non fora vista aínda esta temporada en ningún encontro do San Lorenzo. Tras unha sucesión de pases con éxito que permitiron levar o balón desde a liña defensiva ata a zona de tres cuartos do equipo local con fluídez, o balón chegou a pes de “Terciopelo” Fuentefría, o rapaz de Verdillo coa súa habitual tranquilidade e elegancia levantou a cabeza como só poden facer os xogadores que contan cunha gran calidade e decidiu cambiar a orientación do xogo cun balón elevado que “Definición” Cachizo orientou co peito, un peito de ferro, un peito de ouro, despois deste control o mediocentro verdillés encarou a un xogador local e esperou a chegada de “Mec-Mec” Bolón que o dobrou pola dereita e que acabou recibindo o pase de “Definición” Cachizo. “Mec-Mec” Bolón chegou á liña de fondo e mirou cara a área como mira un toureiro ó tendido despois dun brillante capotazo e centrou a ras de chan, finalmente para rematar esta xogada apareceu “Fast and Furious” (a falta de confirmación da enquisa) Eloy que rematou de primeiras como fan os grandes lonxe do alcance das mans do porteiro local. En resumo, un gran gol de equipo.

     Na segunda metade, o San Lorenzo non combinou con tanta facilidade como na primeira parte do partido e a Esteirana conseguiu unha posesión de balón moito maior que nos primeiros 45 minutos, sen embargo, non levou moito perigo o equipo local ante a portería defendida por un seguro “Kárate Kid” Recarey. Foi no minuto 70 cando nunha rápida contra dos de Verdillo “Mec-Mec” Bolón controlou o balón pegado á liña de medio campo e puxo un bo pase ó oco ó que chegou “Playboy” Jorge Pichel que despois de regatear ó gardamallas local colocou o balón na portería paseniñamente. A partir deste momento, o San Lorenzo presentou unha férrea defensa suficiente para imporse nun encontro que pode marcar un antes e un despois na moral dos rapaces verdilleses.

     Así pois, importante victoria nesta xornada, primeira da segunda volta, a que conseguiu o San Lorenzo. Os xogadores de Verdillo loitaron para cambiar a súa inercia derrotista e finalmente conseguírono, porque como dicía Séneca, famoso político e filósofo romano coñecido polas súas obras de carácter moralista, ”Cando se está no medio das adversidades xa é tarde para ser cauto”. O vindeiro domingo nas Pedreiras o Dumbría B visitará ó San Lorenzo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario