domingo, 8 de enero de 2012

Fisterra - San Lorenzo


     Cóntase nunha crónica romana do século I d.C. que Décimo Junio Bruto, o xeneral que dirixiu as tropas romanas na campaña de invasión de Galicia, cando foi preguntado sobre cal era a visión que máis recordaba da súa longa viaxe de conquista por terras galegas non falaba de ningunha das innumerables batallas que vivira, o seu recordo máis sobrecolledor viña da visión que tivo no monte do Cabo Fisterra, alí contemplara como o sol se ía precipitando contra o mar e unha lumieira saía das augas para embelecer a paisaxe, ese recordo cravado na mente dun dos mellores xenerais romanos de tódolos tempos non fixo máis que ensalzar a lenda de Fisterra, o pobo onde o mundo chegaba ó seu fin segundo os antigos. Tamén foi o fin para o San Lorenzo no Ara Solís de Fisterra dunha primeira volta na mimosa e lívida Liga da Costa que non foi nada positiva para o equipo de Verdillo, ademáis o conxunto do “xeneral” Chema Eirís chegaba a este encontro plagado de baixas e con só 13 xogadores dispoñibles para o encontro. A pesar de todo isto, o San Lorenzo realizou un partido máis que digno ante un dos “galos” da categoría e o contundente 5-1 final é un resultado moi enganoso visto o que pasou realmente sobre o artificial terreo de xogo fisterrán.

     Moi malo foi o inicio de partido dos verdilleses, cando o mítico e ídolo dos nenos “Capitán Águila” Puñal aínda estaba saudando coas súas habituais reverencias e chistes fáciles ó colexiado e ó capitán local o 1-0 xa campeaba no marcador do Ara Solís, este duro pao foi ben levado polos fornidos lombos dos xogadores verdilleses que ofreceron unha primeira parte na que aguantaron moi ben as embestidas do cadro de Fisterra, ata que nunha das últimas xogadas deste período unha acción moi desafortunada fixo que “Miura” Killo que debutaba esta temporada no conxunto vermello introducira o balón na súa propia portería dándolle ó equipo local unha vantaxe importante antes do descanso. “Miura” Killo, o retorno do fillo pródigo, o ídolo que volve para desfrute da afección de Verdillo, un dos fichaxes máis caros da historia do San Lorenzo, din as malas linguas que o desembolso do clube de Verdillo foi duns 2 euros e unha calculadora Casio, aínda que nin Paiosaco nin San Lorenzo queren confirmar as astronómicas cifras desta operación que se converteu nun dos culebróns máis largos do pasado Nadal.

     Algo moi estrano sucedeu tamén nesta primeira metade de encontro, físicos de todo o mundo están a estudiar o incrible comportamento dos balóns do Ara Solís que cando eran tocados por “Kárate Kid” Recarey, o porteiro verdillés, parecían tomar unha traxectoria indescritible que os levaba a saír do terreo de xogo sen explicación aparente. Quizáis, o vento intenso que pululaba sobre o campo de Fisterra ofrece unha lixeira explicación a este feito paranormal pero se se analiza con detalle as rutas seguidas por eses balóns do diaño, parecía como se alguén ou algo os estivera controlando ó seu antollo. Íker Jimenez, presentador do programa máis famoso da televisión que trata sobre feitos paranormais “Cuarto Milenio”, xa se desprazou a Fisterra con uns expertos en psicofonías ante as numerosas chamadas que os espectadores presentes no Ara Solís realizaron. “Kárate Kid” Recarey terá que repetir os seus saques diante destes expertos que esperemos que atopen unha explicación racional para todo o que alí estaba sucedendo.

     No aspecto deportivo, moi ben comezou a segunda metade para os rapaces verdilleses, no minuto 15 “Tiramillas” Carlos conseguiu reducir diferencias no marcador tras un gran pase largo de “Terciopelo” Fuentefría, sen embargo aínda que con este marcador o San Lorenzo contou con moi boas ocasións de gol para igualar o resultado, foi o Fisterra quen conseguiu poñer de novo terra de por medio con un tanto a falta de 15 minutos para o final do encontro. O San Lorenzo estirou liñas e descoidou a parcela defensiva ata tal punto que dous goles máis dos locais acabaron redondeando un marcador excesivo para os méritos que fixeron ambos equipos neste partido, pero xa o dixo Friedrich Nietzsche, un dos nosos filósofos de cabeceira noutra das súas míticas frases, “A crueldade é un dos praceres máis antigos da humanidade”.

     Aínda que o San Lorenzo sumou unha nova derrota neste encontro a imaxe que amosou o equipo de Verdillo foi mellor que a que veu dando nos últimos encontros, o calendario agora vai favorecer ós verdilleses que deben aproveitar para sumar puntos e escapar da zona de perigo nos próximos encontros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario